Investigadores galegos logran reducir nun 92% as lesións provocadas pola psoríase cun tratamento baseado en lodos termais

Tras catro meses desaparecen case por completo as feridas na pel e o picor diminúe dende as primeiras aplicacións

psiorase

Presentación dos resultados do estudo nun congreso en Badaxoz: á esquerda a doutora Belén Cabana, directora médico do Balneario de Compostela; e á dereita Marina Galiñanes, directora do balneario.

O balneario de Compostela (situado no Concello coruñés de Brión), en colaboración cun equipo de investigadores do Departamento de Física Aplicada da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo, realizaron un estudo sobre os beneficios dos peloides termais no tratamento da psoríase. Os resultados acaban de presentarse en Badaxoz, no marco do “V Congreo Iberoamericano de Peloides”.

Os peloides termais son lodos naturais terapéuticos sen efectos secundarios. Trátase de sedimentos formados pola mestura de auga mineromedicinal con materias orgánicas e inorgánicas. Teñen propiedades térmicas superiores á da auga termal, polo que se usan en tratamentos terapéuticos en forma de emplastos ou baños para provocar unha acción termoterápica. Segundo as súas características físico-químicas, cada peloide úsase para uns fins concretos.

A psoríase é unha patoloxía que afecta a entre o 1,5 e o 2% da poboación nos países occidentais. É unha enfermidade hereditaria da pel, con varios tipos de expresión clínica. A máis frecuente é a chamada psoríase vulgar -que é na que se centra este estudo-, que se presenta en forma de pápulas e placas escamosas crónicas e recidivantes en zonas características do corpo.

Tal como explica a directora médico do balneario de Compostela, Belén Cabana, o tratamento aplicouse a unha paciente de 55 anos con psoríase vulgar de máis de vinte anos de evolución, con afectación do 50% da súa superficie corporal e con mala resposta previa ao tratamento con corticoides. A aplicación do peloide levouse a cabo en ciclos de 21 días a días alternos, cun descanso semanal e a repetición dun novo ciclo ata completar un total de catro.

“Transcorridos catro meses de tratamento, detectouse unha redución do 92% das lesións cutáneas. Practicamente desapareceron as lesións, diminuíndo de forma significativa tanto o número como o tamaño das mesmas e o arroibamento da pel. Ademais, o picor redúcese dende o primeiro ciclo. Así, conclúese o efecto beneficioso do uso da terapia de peloides e auga mineromedicinal en relación a esta doenza” -salienta a doutora-.

“Os bos resultados estannos a animar a levar a cabo estudos similares noutras patoloxías dermatolóxicas así como en patoloxía articular, sobre todo en artropatía de xeonllo”           -manifesta a doutora-. O balneario de Compostela está moi comprometido na investigación a este nivel e a súa aplicación clínica está a frutificar en colaboracións con outros balnearios de cara a avanzar neste tipo de investigacións.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada