A RFG acompañará á voz de Uxía na compostelá Praza da Quintana, no marco das festas do Apóstolo

O concerto repetirase o venres no Auditorio Mar de Vigo

uxiaA Real Filharmonía de Galicia participa un ano máis nas celebracións das festas do Apóstolo, conmemorativas do Día de Galicia. A compostelá Praza da Quintana acollerá mañá xoves, 20 de xullo, un concerto dirixido polo mestre titular da agrupación, Paul Daniel, ás 21:00 horas. As entradas, que eran gratuítas previa retirada da invitación na billeteira do Teatro Principal, xa están esgotadas. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao Auditorio de Galicia. O concerto repetirase o venres no Auditorio Mar de Vigo, no marco da segunda edición do Festival Illas Cíes.

En ámbolos concertos os músicos acompañarán á voz da cantante Uxía Senlle, que interpretará unha selección de cancións que repasan a súa traxectoria de 35 anos enriba dos escenarios, arranxadas para orquestra pola compositora galega Zeltia Montes.

quintana2

Paul Daniel.

O público terá a oportunidade de escoitar temas seus tan populares como Túa nai é meiga, Unha noite na eira do trigo, Ramo verde, Verdes sao os campos, Alalá das Mariñas ou Bos amores, entre outros.

Uxía é considerada a gran dama da música galega e unha das maiores divulgadoras da súa poesía. Nas súas máis de tres décadas de carreira artística, renovou a música tradicional galega, conectándoa coas culturas atlánticas, mesturando alalás (a forma de música tradicional galega máis antiga e característica) con morna, fado e ritmos brasileiros. O seu traballo representa un punto de encontro de diferentes culturas, creando un repertorio a través das súas continuas viaxes e intercambios con músicos de Brasil, Portugal, Cabo Verde ou Guinea-Bisáu como João Afonso, Dulce Pontes, António Zambujo, Rui Veloso ou Tito Paris. Ao longo destes anos publicou un total de doce discos, polos que recibiu importantes recoñecementos.

Ademais das cancións de Uxía, a orquestra achegará ao público outras tres obras. Trátase da Marcha española de Johann Strauss, varios fragmentos de Le Cid Suite de Jules Massenet e Libertango do compositor arxentino Astor Piazzolla. Tal como salienta o mestre Paul Daniel, “son tres xeitos de mirar e interpretar o noso país e a nosa cultura da man dun compositor austríaco, un francés e un arxentino”.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada