Os portos galegos moveron máis de 1,3 millóns de pasaxeiros no ano 2016

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación das novas ofertas dos ‘Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia’ para a campaña 2017-2018.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou na presentación das novas ofertas dos ‘Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia’ para a campaña 2017-2018.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Sanxenxo que o ano pasado os portos galegos moveron máis de 1,3 millóns de pasaxeiros. A maioría destes movementos rexistráronse nos portos da ría de Vigo, debido ao tráfico existente entre o triángulo formado polos portos de Vigo, Cangas e Moaña, que acada un tránsito de case 1 millón de pasaxeiros, vinculado xeralmente a cuestións laborais, explicou.

A titular de Mar deu conta destas cifras durante a presentación das novas ofertas dos Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia para a campaña 2017-2018, un acto no que tamén estiveron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.

Alí tamén destacou os movementos de pasaxeiros ligados aos transportes marítimos do sector turístico, como é o caso do Grove, con máis de 145.000 pasaxeiros; Portonovo, con preto de 26.000; Bueu, con 42.000 e Baiona, con case 35.000 pasaxeiros. A isto engadiu o tráfico internacional correspondente á fronteira con Portugal e puxo como exemplo o ferry que une os portos de Caminha e A Pasaxe, no termo municipal da Guarda, que supera os 40.000 pasaxeiros ao ano.

Ademais, Rosa Quintana fixo fincapé no valor da iniciativa Cruceiros Costeiros de Galicia, da que forman parte as rutas que hoxe se presentan e na que participaron máis de 1.400 persoas durante as primeiras semanas de actividade, desenvolvida no verán de 2016. Esta iniciativa enmárcase nos programas Nea 3 e Ecodestin_3IN. O Nea 3 é a continuidade do programa Nea 2 da Unión Europea. Nel participou activamente Portos de Galicia e permitiu crear, en 2015, unha serie de itinerarios de navegación polas Rías Baixas, vinculando estas rutas a sectores de atracción turística como a cultura, o patrimonio e a enoloxía.
Por outra banda, o programa Ecodestin_3IN, conta cun investimento próximo aos 2 millóns de euros e enmárcase no Programa INTERREG España–Portugal 2014-2020 (POCTEP). Persegue o incremento da atracción do territorio a través do fomento e o desenvolvemento do patrimonio natural e cultural vinculado ás rías, ríos e costa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

Neste sentido, a titular de Mar destacou a aposta de Galicia por aproveitar todas aquelas pancas económicas e administrativas como o Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, que permitan avanzar na visión do mar como punto de atracción turística. Neste eido destacou que Galicia forma parte do grupo de cabeza a nivel europeo na aplicación desta ferramenta.

APOSTA

O proxecto Minicruceiros costeiros polas rías de Galicia foi impulsado pola Xunta de Galicia, a través de Portos de Galicia en colaboración con Turismo de Galicia e a Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN).

Unha iniciativa que, como indicou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, é toda unha oportunidade para impulsar o gran potencial do turismo náutico en Galicia ao converter á nosa Comunidade en “referencia europea en cruceiros costeiros de escalas en terra e ao ser un importante acicate para pór en valor o patrimonio natural, gastronómico e cultural de Galicia”, dixo.

A oferta deste ano inclúe ata catro propostas diferentes con seis rutas polas rías galegas en ferri-catamarán ou en veleiro. Trátase dos itinerarios Minicruceiro costeiro polas rías, de seis días de duración; Minicruceiro Costeiro a Vela Ruta Xacobea Mar de Arousa, de dous días; e Minicruceiro Costeiro Illas Atlánticas e Vilas mariñeiras pola Ría de Vigo e Minicruceiro Costeiro a Vela Tesouros da Ría de Vigo, ambos dun día de duración e coa posibilidade de escoller entre dous itinerarios diferentes pola ría de Vigo.

A bordo destes minicruceiros, os visitantes poderán gozar do turismo mariñeiro e coñecer, entre outros moitos recursos, o Parque Nacional das Illas Atlánticas e ata rememorar o percorrido que os restos do Apóstolo Santiago seguiron pola Ría de Arousa. Os interesados poden obter a información correspondente á iniciativa, aos itinerarios, prezos e días na páxina web.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada