A Xunta aprobará unha nova liña de préstamos para apoiar o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico nas pemes e micropemes

O presidente da Xunta participou no acto de entrega das primeiras unidades de ascensores ENOR para Meyer Cruceros.

O presidente da Xunta participou no acto de entrega das primeiras unidades de ascensores ENOR para Meyer Cruceros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, adiantou esta mañá que o Goberno galego aprobará proximamente o desenvolvemento dos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFI), unha nova liña de préstamos para apoiar o emprendemento, a innovación e o desenvolvemento tecnolóxico das pemes e as micropemes.

Os créditos, que están financiados con fondos europeos, contarán cun orzamento de 33 millóns de euros e permitirán mobilizar 60, o que axudará a financiar máis de 100 proxectos relacionados coa industria 4.0. Únense, así, a outras liñas de financiamento empresarial que xa ten en marcha o Goberno autonómico, dentro do Galicia 1000, que financia proxectos estratéxicos en 3000 pemes galegas e xa axudou máis de 5000 empresas nas tres edicións anteriores, grazas a unha mobilización de 800 millóns de euros.

O presidente da Xunta fixo este anuncio no acto de entrega das primeiras unidades dun pedido de 333 ascensores e 16 escaleiras mecánicas que ENOR está a fabricar para catro cruceiros de última xeración do Grupo Meyer, o principal estaleiro alemán. Trátase do maior contrato que conseguiu ata o momento ENOR no sector, que se une aos 800 ascensores deste tipo xa instalados e aos 400 que ten en carteira e consolida á compañía como “unha peza máis desa industria auxiliar que orienta gran parte da súa produción á construción naval”, segundo destacou Alberto Núñez Feijóo.

Para o titular do Goberno galego, a fabricación destas unidades “demostra o know-how da industria naval galega, que lle permite competir con garantías a nivel mundial”, especialmente no ámbito dos cruceiros, onde a entrega de hoxe se une ao contrato asinado por Barreras hai unhas semanas. Non en van, os ascensores fabricados por ENOR empregan unha tecnoloxía punteira, que permitirá acadar aforros enerxéticos de ata o 75% e fai uso de modernos materiais capaces de resistir ambientes húmidos e salinos e dun sistema informático para controlar e obter información do seu funcionamento en tempo real.

AXUDAS ASCENSORES

Do mesmo xeito, o presidente da Xunta lembrou que a industria naval non é o único mercado do sector da fabricación de ascensores, para o que continúa a ser fundamental a produción de unidades destinadas a inmobles. En relación a isto, anunciou que o Goberno galego seguirá a apoiar a instalación de novos elevadores e a substitución dos máis antigos, financiando o 60 e o 50% do seu custo, respectivamente. “A Xunta vai seguir mantendo estas axudas, e reforzándoas sempre que sexa posible”, subliñou o titular autonómico, antes de facer un chamamento a todas as administracións para que contribúan.

CAPTACIÓN INVESTIMENTOS

Durante a súa intervención, Alberto Núñez Feijóo quixo destacar a importancia de que ENOR pertenza a OTIS, a maior empresa de ascensores do mundo, o que xera un enriquecemento mutuo mediante o que a compañía galega achega a súa experiencia e a multinacional axuda a conseguir contratos para a nosa industria. Nese sentido, destacou que a Xunta está a traballar para reproducir estas sinerxías en todo o tecido industrial galego, a través da futura Lei de implantación empresarial e do Plan de captación de investimentos.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada