Comeza a constitución dos vinteún consellos reguladores dos productos agroalimentarios galegos de calidade

Tras a elección dos vogais, ao longo destas dúas semanas celebraranse as sesións constitutivas dos plenos para elixir aos presidentes e vicepresidentes.

Tras a elección dos vogais, ao longo destas dúas semanas celebraranse as sesións constitutivas dos plenos para elixir aos presidentes e vicepresidentes.

Ao longo destas dúas semanas terán lugar as diferentes sesións constitutivas dos plenos en cada un dos 21 consellos reguladores dos produtos agroalimentarios galegos de calidade, co fin de elixir as persoas que ocuparán a presidencia e vicepresidencia nestes órganos, para o seu posterior nomeamento pola conselleira do Medio Rural.

Os 180 vogais elixidos no proceso do pasado 9 de xullo -coa posterior repetición nunha mesa da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas- votarán á súa vez aos presidentes e vicepresidentes dos consellos para completar así o proceso electoral, segundo o establecido pola normativa que o regula. A relación de proclamados poderase consultar na páxina web da consellería unha vez finalice este último paso.

O primeiro consello regulador que procedeu á súa constitución, o pasado 18 de xullo, foi a Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, mentres que onte o fixeron as indicacións xeográficas protexidas (IXPs) Pataca de Galicia e Pan de Cea. No día de hoxe tocoulle o turno ás indicacións Grelos de Galicia, Tarta de Santiago, Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e Mel de Galicia, xunto coa DO
Ribeiro (nestes dous últimos estivo presente a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo).

Os procesos levaranse a cabo nos seguintes días:

– Venres 21 de xullo: DOP Arzúa Ulloa, IXP Faba de Lourenzá e IXP Pemento de Arnoia.
– Luns 24 de xullo: DOP Pemento de Herbón e IXP Pemento do Couto.
– Mércores 26 de xullo: DOP Queixo Tetilla e DOP Cebreiro.
– Xoves 27 de xullo: DO Ribeira Sacra, Agricultura Ecolóxica de Galicia, DO Monterrei e IXP Castaña de Galicia.
– Venres 28 de xullo: DO Valdeorras e DO Rías Baixas.

Excepcións

Nesta convocatoria están incluídos todos os consellos, salvo catro excepcións: o da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) do Pemento de Oímbra e do Mougán porque son os de máis recente creación e aínda non teñen un número de inscritos suficiente. Tampouco o consello regulador da IXP Lacón Gallego, que aínda debe adaptar a súa regulación á actual lexislación autonómica sobre a materia e o da IXP Ternera Gallega, porque vense de reformular nun novo consello que tamén xestionará a IXP Vaca e Boi de Galicia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada