A espera media cirúrxica global sitúase en 62,2 días no primeiro semestre de 2017

Segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, a espera media do conxunto de estado para cirurxías ascende a 115 días

Cirugia

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, na presentación do balance de actividade referido ao primeiro semestre de 2017.

O tempo de espera media cirúrxica en Galicia en todos os centros entre xaneiro e xuño de 2017 é de 62,2 días. Con este dato consolídanse os datos do primeiro semestre do ano pasado (61 días de espera media), e que foi a mellor cifra dende que existe rexistro de listas de espera.

A espera media cirúrxica global en xuño tamén supón unha diminución con respecto a decembro de 2016, situada en 68,3 días. O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, na presentación do balance de actividade referido ao primeiro semestre de 2017, destacou que con estes datos Galicia continúa entre os mellores do Sistema Nacional de Saúde, que segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade é de 115 días de espera media a decembro de 2016.

Fernández-Campa salientou o aumento da actividade global en todas as áreas. Así, o Servizo Galego de Saúde realizou neste primeiro semestre de 2017 un total de 109.840 intervencións cirúrxicas (92.544 programadas e 17.296 urxentes); o 54% do total destas intervencións foron ambulatorias (58.989 intervencións, fronte a 50.851 que foron con ingreso). En total realizáronse 436 intervencións cirúrxicas máis que no mesmo período do ano anterior.

Ademáis, realizáronse 16.007.098 de consultas, 345.210 máis que entre xaneiro e xuño de 2016; o que supón unha media de 127.040 consultas ao día. Tamén aumentaron os ingresos hospitalarios, pasando de 122.730 en 2016 a 124.242 en 2017; e realizáronse 3.177 ingresos en hospitalización a domicilio.

Fernández-Campa tamén destacou que o Sergas continúa cumprindo o compromiso de atender as potaloxías máis graves por debaixo de 30 días. Así, neste período xaneiro-xuño de 2017, os pacientes máis graves, os de prioridade 1, agardan unha media de 15 días. Pola súa banda, o rendemento cirúrxico acumulado tamén continúa por riba do obxectivo marcado do 75%, e neste período acadou un nivel do 76,4%.

CONSULTAS

Entre xaneiro e xuño de 2017 realizáronse 2.773.894 consultas hospitalarias (o que supón 116.891 máis que no mesmo período do ano anterior), das que 54.893 foron non presenciais. O tempo medio de espera para as primeiras consultas de enfermidade no hospital situouse en 38,3, e está situado entre os menores da última década.

O xerente remarcou que o Sergas segue a traballar nas vías rápidas de cancro, mediante as que os pacientes con sospeita de patoloxía grave son atendidos nun tempo medio de espera inferior a quince días dende a derivación do médico de familia ao especialista do hospital. Neste primeiro semestre de 2017, 8.749 persoas beneficíaronse das vías rápidas implantadas, é dicir, 2.433 pacientes máis que no ano anterior, e tiveron unha espera media de 4,6 días (3,2 días de espera media menos). Actualmente, as sete estruturas organizativas de xestión integrada (EOXI) do Sergas teñen implantadas todas as vías rápidas de cancro (de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cabeza e colo, e melanoma).

No que atinxe ás probas diagnósticas, no primeiro semestre de 2017 realizáronse un total de 1.524.239 e o tempo de espera medio foi de 69,1 días.

PRIMARIA

Fernández-Campa salientou así mesmo que durante 2017 se realizaron 13.223.204 consultas en atención primaria, o que supón 228.319 máis que no anterior.

Neste primeiro semestre de 2017, o 99,84% das citas telefónicas foron resoltas sen necesidade de acudir ao centro, a través das consultas dispoñibles en medicina de familia, pediatría, enfermería, matrona, odontoloxía, hixiene bucodental e traballo social. Esta modalidade de consulta telefónica permitiu a realización de 1.272.221 citas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada