Galicia será a sede da primeira incubadora de proxectos de investigación dedicados a descubrir novos fármacos en España

farmacosO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este venres na rolda de prensa do Consello que Galicia será a sede da primeira incubadora de proxectos de investigación dedicados a descubrir novos fármacos en España, grazas a un acordo entre o Goberno galego, a multinacional Johnson & Johnson e a Fundación Kertor, liderada por Ángel Carracedo e Mabel Loza, investigadores galegos de prestixio internacional.

Segundo explicou o titular autonómico, o obxectivo da incubadora é “captar para Galicia iniciativas que posicionen a Comunidade no mapa europeo da biotecnoloxía”, en liña coa aposta que o Executivo autonómico está a facer por este sector punteiro nos últimos anos. Para conseguilo, investiranse máis de 2 millóns de euros, dos que un 50% serán achegados polo Goberno autonómico e o outro 50% por Jannsen-Cilag, unha filial de Johnson & Johnson dedicada á investigación farmacéutica que actuará como empresa tractora.

O presidente galego aclarou que esta incubadora non se refire a unha investigación concreta, senón que “é moito máis ambiciosa”. Neste senso, apostarase polos proxectos innovadores en función das demandas propostas polas empresas e a industria, buscando ideas en calquera lugar do mundo para que se desenvolvan na nosa Comunidade.

O funcionamento da incubadora estruturarase en diferentes etapas. En primeiro lugar, realizarase unha selección a nivel internacional, que estará aberta a todos os investigadores e grupos de investigación, entidades públicas ou privadas ou calquera organismo ou empresa que realice proxectos de I+D no ámbito farmacéutico e dará prioridades ás áreas terapéuticas de oncoloxía, inmunoloxía, neurociencia, enfermidades infecciosas e vacinas e cardiovascular e metabolismo. Posteriormente, desenvolverase unha fase de maduración de proxectos baixo a dirección da Fundación Kertor, encabezada por Ángel Carracedo e Mabel Loza, que aproveitará a experiencia da plataforma Innopharma e creará 20 postos de traballo de alta cualificación.

BIOTECNOLÓXICO

O titular autonómico explicou que a nova incubadora contribuirá ao impulso do ecosistema biotecnolóxico de Galicia, cun alto impacto sobre as pemes do sector, que poderán prestar servizos para o desenvolvemento de proxectos de descubrimento de fármacos derivados do programa. Únese así a outras iniciativas postas en marcha no marco da Estratexia de impulso á biotecnoloxía de Galicia, que prevé mobilizar 200 millóns de euros ata 2020, dos que 125 millóns proceden de fondos públicos.

Ao abeiro desta aposta polo sector, o presidente da Xunta destacou que Johnson & Johnson non é a única multinacional que colabora co sistema galego de innovación para xerar coñecemento e valor económico, senón que se une a outras que xa o fan, como Laboratorios Esteve e Roche Farma, a través de Unidades Mixtas de Investigación que “contribúen a poñer en valor o talento galego”, concluíu.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada