Feijóo, no acto de entrega das Medallas de Galicia 2017: “Sendo esta a festa maior da unidade é natural que galardoemos os que se distinguiron por fomentala desde as súas responsabilidades públicas”

“O Portugal moderno que admiramos é consecuencia de políticas ideadas e aplicadas por homes como Aníbal Cavaco Silva”, afirmou

1“A Galicia actual é un pobo seguro de si e das súas referencias; un pobo que camiña buscando unha maior e máis xusta integración na España constitucional e na Europa democrática. Foi a nosa unha revolución baseada na evolución, e na que as galegas e os galegos non deixaron nunca de ser os principais protagonistas”, afirmou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, no acto de entrega das Medallas de Galicia 2017.

 “Sendo esta a festa maior da unidade é natural que galardoemos os que se distinguiron por fomentala desde as súas responsabilidades públicas, os que traballaron por ela coa ferramenta da solidariedade e tamén os que se converteron nun símbolo que convocou ao seu redor a toda unha nación”, explicou.

Autoridades presentes,
Señoras e señores:

Galicia celebra cada 25 de xullo a súa festa da unidade.

É unha conmemoración que fai patente a existencia de vencellos insuperables, non soamente entre os galegos que conviven no momento presente, senón tamén con todos aqueles que nos precederon e nos legaron soños que anhelamos realizar. Con todos os que nos deixaron, como os falecidos no terrible 24 de xullo de hai catro anos, os cales seguimos tendo presentes hoxe e sempre. E tamén cos galegos do futuro, os que están por chegar.

Galicia é un país antergo, que ten aprendido, a través de innumerables avatares históricos, que a unidade é o tesouro máis prezado. Custa gañalo e custa recuperalo cando se perde.

“Calquera poder é feble se non se fundamenta na unión”. Estas palabras escritas hai catrocentos anos por Jean de La Fontaine teñen un eco profético na actualidade, cando hai poderes, estados e comunidades debilitados pola falta de unidade.

A busca de paraísos artificiais mina os consensos básicos da sociedade, introduce nos pobos conflitos innecesarios e provoca unha diminución da calidade democrática.

Querendo dar un paso adiante danse moitos pasos atrás.

Pretendendo reafirmar unha identidade mal entendida pérdese esa cohesión na que se fundamenta precisamente toda identidade.

Na súa primeira alocución como presidente da entón República Checoslovaca, Vaclav Havel dixo que non fora elixido para mentirlle aos cidadáns. É algo que subscribe todo político cabal. Quizais agora habería que engadir a esa inapelable afirmación que ningún dirixente político democrático foi elixido para dividir os cidadáns, senón para fortalecer entre eles as pontes por onde transita o diálogo.

Non se trata de perseguir sociedades unánimes; liberdade e unanimidade son incompatibles.

Non se trata tampouco de uniformar comportamentos e opinións, senón de atopar e enriquecer ese común denominador que todos os pobos teñen. E pluribus unum. O lema dos Estados Unidos pode converterse en global. Vigorizar o que xunta e esquivar o que divide é a gran misión dos responsables políticos nos tempos que nos tocou vivir.
Esa unión inapreciable está sustentada en valores culturais compartidos, e sobre todo nas leis que xorden da vontade popular.

Benito Jerónimo Feijoo distinguía sabiamente o ‘patriotismo’ que se inspira nas leis, desa modalidade de ‘nacionalismo’ sustentado en historias míticas nas cales non falta un inimigo, real ou fabulado.

O beneditino do Pereiro de Aguiar avogaba polo primeiro, pensando que o progreso e a estabilidade estarían así mellor garantidos. A historia deulle a razón.

Todos sabemos as consecuencias que se producen cando o mundo oscila cara ao nacionalismo desaforado, e non ignoramos que o patriotismo legal e constitucional dá forma aos estados máis libres e avanzados.

Xunto á galeguidade que se nutre da cultura, da historia, da paisaxe, hai outra que nace coa democracia e o autogoberno e que descansa no marco constitucional e estatutario.

A Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia son catedrais dunha pedra diferente, feitas coa achega de todos e capaces de acoller a todos. Se o Pórtico da Gloria do Mestre Mateo simboliza a culminación da ruta do peregrino, eses outros pórticos legais son hoxe a culminación da democracia galega.

Señoras e señores. Ralf Dahrendorf sinalou como principal característica da democracia a súa capacidade de ‘autorreformarse’. Esa facultade que ningún outro sistema ten, permite o irónico comentario de que a democracia ‘ten os séculos contados’.

A reforma, o cambio e a evolución son inherentes á democracia, pero esixen sempre perspectiva. Porque a política responsable non pode ser un mero desafogo, senón que ten que valorar as consecuencias das decisións, non pensando nas próximas eleccións senón nas próximas xeracións.

Así, a estabilidade da que desfruta o país galego é consecuencia de políticas acertadas que se remontan aos albores do autogoberno e se perpetúan, cos matices partidarios inevitables, ata hoxe.

O noso camiño puido ser outro ben distinto, pero imperou en cada encrucillada a temperanza da sociedade.

A Galicia actual é un pobo seguro de si e das súas referencias; un pobo que camiña buscando unha maior e máis xusta integración na España constitucional e na Europa democrática. Foi a nosa unha revolución baseada na evolución, e na que as galegas e os galegos non deixaron nunca de ser os principais protagonistas.

Sendo esta a festa maior da unidade é natural que galardoemos os que se distinguiron por fomentala desde as súas responsabilidades públicas, os que traballaron por ela coa ferramenta da solidariedade e tamén os que se converteron nun símbolo que convocou ao seu redor a toda unha nación.

Miguel Ángel Blanco foi asasinado porque era libre. A súa divisa era a liberdade e por iso sería sinalado polos autores que pretenderon un xenocidio de demócratas.

Con esa mesma liberdade que os asasinos non podían soportar, honramos neste día un ourensán vítima dun crime que dificilmente admite esquecemento ou perdón.

Fronte a modernas rebeldías que non supoñen risco ou ameaza para os seus autores, Miguel Ángel, e tantos coma el, rebeláronse contra o terror, poñendo en perigo a súa vida; e perdérona. No seu nome queremos resumir as biografías de todos os que caeron defendendo unha España, un País Vasco, unha Galicia, libres.

Grazas á súa irmá, aos seus pais, aos pobos de Ermua e da Merca, e a todas as familias das vítimas do terrorismo, por manter a dignidade da democracia e confiar no poder do Estado de Dereito.

Esta medalla de ouro vén unirse aos innumerables galardóns recibidos por Isabel Castelo D´Ortega y Cortés.

Ningunha causa galega élle allea. A presidenta executiva do Grupo Seguros Ocaso axuda a discapacitados, colabora para paliar catástrofes como a do Prestige, contribúe a unha morea de iniciativas científicas e culturais.

Non sempre vive en Galicia, pero sempre mantén firme o seu compromiso con Galicia. Por iso, non é que esta terra se acorde de vostede, senón que é vostede quen se acorda de Galicia sempre: para axudala, para que os seus impostos repercutan nela, e para desfrutala cando o traballo o permite.

É ese compromiso social, económico e vital o que fai que debamos de agradecerlle o seu esforzo continuado para manter a unidade de país que nos distingue.

O Portugal moderno que admiramos é consecuencia de políticas ideadas e aplicadas por homes como Aníbal Cavaco Silva. É un dirixente de dimensión europea que forma parte da pléiade de mandatarios de Europa que saben ‘entender aos que falan e comprender aos que calan’.

Aínda que naceu no Algarve, sentímolo moi preto da raia. Aníbal Cavaco fixo que a fronteira nos unise, interpretando o sentimento espontáneo de portugueses e galegos.

O noso agradecemento susténtase nunha realidade cuantitativa evidente: o seu liderado como primeiro ministro e como presidente da República convérteo no principal dirixente da historia democrática de Portugal ata o momento. Pero tamén se basea en feitos cualitativos dunha grande importancia para nós: da súa man, a cooperación transfronteiriza cobra un pulo descoñecido, avánzase en infraestruturas tan relevantes como a autopista Tui-Porto, ou faise realidade a presenza do galego na lusofonía.

Non sería doado atopar un momento recente de Galicia e de España que non contase coa presenza, expresa ou tácita, de José Manuel Romay Beccaría. Eses momentos poden distinguirse pola sobredose oportuna de prudencia e moderación. Pola combinación de acción e reflexión. Nin a reflexión lle impide actuar, nin a acción lle fai rexeitar a proximidade intelectual dos pensadores.

Por iso, comparece hoxe aquí rodeado de amigos que foi incorporando ao seu pensamento político. Os que atopou en libros, como Todorov, Bobbio, Dahrendorf, Sartori, Zakaria, Steiner ou Popper. Pero tamén os que atopou entre os seus paisanos de Betanzos, das aldeas e concellos da provincia da Coruña, de Galicia e de España. Terras todas elas ás que serviu con lealdade.

Máis que unha enumeración fría de cargos e responsabilidades, cómpre destacar toda unha vida ao servizo de Galicia e de España. E que José Manuel Romay Beccaría pertence á categoría de políticos que se esforzan en aproveitar a súa experiencia cun maxisterio sutil e respectuoso. Somos moitos os que, con éxito desigual, teimamos por seguilo.

Vicente Risco rifaba cos que dicían que Galicia era algo pequeno. “Galicia é un mundo”, replicaba o noso pensador.

Galicia é un mundo porque está no mundo e non deixa que os cantos de serea fagan variar o seu rumbo. Galicia faise grande coa unidade.

É a acumulación diaria de virtudes, moitas veces anónimas, a que determina a grandeza do noso país.

Nelson Mandela resumía a longa andaina dos pobos nunha frase que pode servir de colofón. “Despois de escalar unha montaña moi alta, descubrimos que hai moitas outras montañas por escalar”. Quedan moitas metas por superar pero esta Galicia unida pode velas con confianza.

Moitas grazas.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada