Medio Rural e a Fundación Juana de Vega poñen en marcha o proxecto que permitirá recuperar e multiplicar as especies vexetais autóctonas galegas

Ángeles Vázquez asinou hoxe o convenio que permitirá traballar ata 2020 na caracterización e recuperación de variedades propias da castaña, vide, millo e outros cereais, ademais de castiñeiros e carballos.

Ángeles Vázquez asinou hoxe o convenio que permitirá traballar ata 2020 na caracterización e recuperación de variedades propias da castaña, vide, millo e outros cereais, ademais de castiñeiros e carballos.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Saéz, para traballar na conservación da biodiversidade xenética de Galicia. Este acordo, que se subscribe por primeira vez, servirá para a caracterización e recuperación de variedades vexetais autóctonas da comunidade, como é o caso da castaña, as diferentes variedades de vide, millo e outros cereais, ademais de castiñeiros e carballos.

O orzamento do convenio é de 445.499 euros que abonará nun 60% a consellería a través do Instituto Galego da Calidade Alimentaria (Ingacal) e nun 40% a fundación e ten como destino a contratación de persoal. En concreto, seleccionaranse seis traballadores con perfil de técnico ou persoal de campo dende este ano ata 2020. Así, no primeiro caso faranse contratacións ata o final do convenio e no segundo faranse contratos ata o 2019. Pero ademais, este acordo permitirá mobilizar fondos por valor de ata 1 millón de euros procedentes do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia para poñer en marcha este proxecto que busca conservar as variedades tradicionais dos nosas producións e, en último caso, facelas chegar ao sector.

Así poderanse realizar traballos de conservación e multiplicación dos recursos fitoxenéticos que se gardan nos centros dependentes de Medio Rural como o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) co millo, trigo, centeo e produtos da horta; o Centro de Investigación Forestal de Lourizán cos castiñeiros e carballos e a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) cos diferentes tipos de viñas. Ademais, solicitarase a inclusión destas variedades no rexistro de castes comerciais ou conservación e se elaborará un libro en formato electrónico para caracteres agronómicos e a transferencia de material vexetal de base a produtores afíns ao rexistro de produtores de sementes e plantas de viveiro.

FUNDACIÓN

O principal obxectivo desta institución é afondar na investigación e a formación en materia agropecuaria e forestal. Así mesmo tamén ten como fins promover o coñecemento, conservación e desenvolvemento do medio rural da comunidade galega, dedicándose especialmente á formación da súa poboación activa, preservar o ámbito natural e humano e mellorar a base económica dos proxectos relacionados con isto. En resumo, busca canalizar as oportunidades de desenvolvemento do medio rural galego mediante a investigación, a formación, a divulgación e a transferencia do coñecemento.

Por iso, este non é o único convenio que a Consellería do Medio Rural ten con esta fundación, xa está vixente unha colaboración, entre outras, para a implantación de rodais selectos mellorados de carballo en terreos de titularidade da comunidade autónoma. Neste caso, o Banco de Terras tamén colaborou ao poñer a disposición do Ingacal varias parcelas para a plantación destas árbores que se levará a cabo nos meses de inverno.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada