A Xunta impulsa a internacionalización das pemes apoiando a contratación de 33 xestores expertos en comercio exterior

As empresas beneficiarias teñen como mercados obxectivo 65 países entre os que están os da Unión Europea, Angola e Arabia Saudita, Australia e Brasil, Camerún e China, Estados Unidos e Marrocos, Nova Celandia e Qatar, Turquía e Xapón

ExportacionesA Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de conceder, a través do Igape, subvencións por un importe superior aos 450.000 euros para apoiar a contratación de 33 xestores de internacionalización por outras tantas empresas que apostan por iniciar ou consolidar as súas exportacións cara a 65 mercados de todo o mundo.

Entre as empresas beneficiarias destacan as dos sectores agroalimentario –entre as que hai sociedades cooperativas¬– e de servizos, que captan, en cada caso, o 30% dos apoios totais. Tamén contratan xestores de internacionalización, contando con subvencións cofinanciadas polo FSE que cobren o 85% dos salarios, empresas de sectores como o metalmecánico, o audiovisual ou o TIC.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a resolución das axudas que teñen como obxectivo facilitarlles ás pemes galegas a prospección e acceso a novos mercados poñendo ao seu alcance apoios para a contratación de profesionais en internacionalización empresarial, conseguindo, ao mesmo tempo, a formación de especialistas en comercio exterior e a incorporación de expertos ao mercado laboral.

A través do Igape, está liña de axudas para a contratación de xestores de internacionalización xa ten apoiado a incorporación ás pemes galegas de máis de 300 profesionais.

Este programa, que reforza as dúas liñas do Galicia Exporta para facilitar a presenza das empresas galegas en feiras expositivas internacionais ou as misións inversas de importadores, está contribuíndo a impulsar o crecemento continuado das exportacións galegas. A través das tres convocatorias deste ano, cunha dotación global de 8M€, contribuirase á internacionalización directa de arredor de 500 autónomos e pemes.

A Xunta conta coa Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, para facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial consolidando a recuperación económica.

De feito, as exportacións galegas medraron un 10,7% nos cinco primeiros meses deste ano, logo de marcar en 2016 un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada