Rías Baixas produce máis da metade do viño galego e xera un 63% do valor económico deste sector

A conselleira incidiu en que a calidade e a vinculación co territorio son os dous piares fundamentais sobre os que se asenta o noso sector vitivinícola e lembrou que é o eido agroindustrial máis exportador

RiasBaixasCambados

Autoridades brindando cun Rías Baixas.

A denominación de orixe (DO) Rías Baixas produce máis da metade do viño baixo con selo de calidade de Galicia e xera arredor do 63% do valor económico deste sector na nosa Comunidade. Así o destacou este mércores a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na inauguración da LXV Festa do Albariño de Cambados, acto no que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, entre outras autoridades.

En total, a DO Rías Baixas cualificou na última campaña un total de 22,7 millóns de litros de viño, cun valor estimado que superou os 113 millóns de euros. A conselleira incidiu en que a calidade e a vinculación co territorio son os dous piares fundamentais sobre os que se asenta o noso sector vitivinícola e lembrou que é o eido agroindustrial máis exportador, cun incremento das exportacións do 104% entre as campañas 2008/2009 e 2014/2015. Actualmente expórtase xa un 20% da produción total dos viños amparados por unha denominación de orixe.

Ángeles Vázquez mencionou ademais que máis do 81% das exportacións de viño galego certificado son de Rías Baixas, que xa exporta arredor do 28% da súa produción. O principal destino das exportacións do viño desta DO é América, cun 50% do total, salientando Estados Unidos cun 38% do total.

A titular de Medio Rural sinalou que para afondar na internacionalización das nosas empresas agroalimentarias, a Xunta achegou 7,1 millóns de euros entre 2012 e 2016, co fin de apoiar a promoción dos seus produtos. Indicou tamén a conselleira que as cinco denominacións de orixe de Galicia (Monterrei, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras) implican a uns 16.000 viticultores e 460 adegas. Ademais, estas adegas comercializan ao ano arredor de 38,7 millóns de litros de viño, cun valor en orixe que se sitúa nos 180 millóns de euros.

 

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada