Permitirá mellorar as infraestruturas e os servizos dos 122 peiraos

O Consello da Xunta remite ao Parlamento o proxecto da 1ª Lei de portos autonómica

Busca axilizar os trámites nas concesións para darlle maiores garantías aos inversores

baionaO presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación definitiva no Consello da Xunta do proxecto da primeira Lei de Portos de Galicia, un texto que se remite ao Parlamento para que comece a súa tramitación e que permitirá mellorar as infraestruturas e os servizos dos 122 peiraos dependentes da Administración galega.

Durante a rolda de prensa do Consello, Feijóo destacou que este documento permitirá adaptar a lei estatal ás diversas particularidades dos portos de competencia da Xunta, e que non ten en conta a lexislación nacional actual, así como prepararnos ante os retos que están a experimentar os portos, como a progresiva apertura dos portos a distintos investidores.

Nun primeiro termo, o responsable do Goberno galego salientou a vontade de consenso coa que nace esta normativa, co obxectivo de que sexa o máis representativa posible. Así, este texto contén achegas recollidas nunha xornada de posta en común sobre as directrices que deben rexer esta futura normativa, á que asistiron máis dun centenar de representantes da comunidade portuaria -do sector profesional, do empresarial e comercial e da náutica recreativa-.

Ademais, Portos de Galicia informou sobre o transcurso de elaboración deste texto a Costas do Estado, Portos do Estado, ao Instituto de Estudos do Territorio e a Fegamp, entre outros órganos.

Entre outros obxectivos, o proxecto de lei busca axilizar os trámites nas concesións para darlle maiores garantías aos inversores e así dar un papel decisivo á participación dos emprendedores na actividade portuaria do presente e o futuro. Con este obxectivo, simplifícase o acceso para a prestación de servizos públicos a través das concesións, coa previsión de que o procedemento pase dos 4 meses actuais a 30 días

simplifícase o acceso para a prestación de servizos públicos a través das concesións, coa previsión de que o procedemento pase dos 4 meses actuais a 30 días

.

Nesta mesma liña, o documento contempla tamén a ampliación do prazo das concesións, que pasarán de 30 a 50 anos. A nova normativa afonda ademais na transparencia no procedemento de concesión de servizos públicos portuarios, ao recuperar o trámite de competencia de proxectos de solicitudes de concesións.

A futura lei tamén axilizará a retirada de buques abandonados e a de vehículos e outros obxectos en terreo portuario. Ao respecto, considerará buques abandonados a aqueles que permanezan durante máis de seis meses atracados, amarrados, ancorados ou depositados en seco no mesmo lugar dentro do porto, sen actividade apreciable, e sen ter aboado as taxas correspondentes. E, no caso de vehículos, maquinaria e obxectos en xeral, Portos de Galicia tamén poderá declaralos en situación de abandono sempre que permanezan no ámbito do dominio público portuario por un período superior a un mes, no mesmo lugar e presenten condicións que permitan presumir racionalmente a situación de abandono.

Sobre á axilización dos prazos de autorizacións de atraque, Feijóo subliñou que o novo documento abrirá un prazo de presentación de solicitudes que non será superior a 15 días hábiles. Así mesmo, trala adxudicación, no caso de que non foran suficientes as prazas, haberá unha lista de espera para cada un dos portos e instalacións de titularidade autonómica.

O texto prevé ademais a figura de plans directores de infraestruturas dos portos para planificar a dotación de proxectos de obras e de instalacións durante un horizonte temporal dun mínimo de 5 anos. Con estes documentos analizaranse as situacións actuais dos portos, estrutura do tráfico e das actividades portuarias e as súas necesidades de desenvolvemento, entre outras cuestións.

En relación á creación dos plans especiais que recollen o sistema de cada porto e as actividades que se poden desenvolver nel, Feijóo subliñou que estes incluirán as medidas e previsións necesarias para garantir unha eficiente explotación do espazo portuario e a súa conexión cos sistemas xerais de transporte terrestre.

Logo de subliñar que se reforzará tamén a figura do gardapeiraos ao atribuírlle carácter de axente de autoridade, o presidente da Xunta salientou que, en materia de prevención e loita contra a contaminación, o proxecto de lei recollerá a prohibición no dominio público portuario de calquera tipo de vertido contaminante, sólido, líquido ou gasoso e a obriga de que os responsables dos vertidos procedan á plena rexeneración das augas.

“En definitiva, estamos a falar dunha lei que busca axilizar o funcionamento da administración portuaria de Galicia, axilizar os trámites aos investidores que decidan participar na actividade portuaria de Galicia”, concluíu.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada