Turismo de Galicia inviste máis de 170.000 euros en obras de mellora do Camiño Inglés ao seu paso polo Concello de Ordes

Peregrino botasA Xunta de Galicia, a través de Turismo de Galicia, está desenvolvendo no concello de Ordes un plan de mellora na infraestrutura do Camiño Inglés, adaptándoa á delimitación do trazado oficial establecido no ano 2014.

Estas obras, que teñen un orzamento de 171.500 euros, permitirán a apertura de explanadas e cunetas; o afirmado do percorrido con zahorra; a instalación de pasos de auga e obras de drenaxe; a retirada, reparación e recolocación das sinais existentes; a colocación de novos indicadores, placas de quilometraxe e cunchas cerámicas, e o control arqueolóxico de todo o proceso.

A Xunta destina este ano máis dun millón de euros a intervencións nos 18 concellos polos que transcorre a ruta do Camiño Inglés nas súas dúas variantes pola provincia da Coruña. En concreto, no tramo que une o Hospital de Bruma coa capital compostelá, está prevista unha intervención global de máis de 322.000 euros en traballos de sinalización, melloras e recuperación da ruta, adaptándoa á delimitación oficial.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, destaca, “debemos ser conscientes de que o Camiño é un dos principais reclamos turísticos para Galicia, un gran imán que cada ano atrae ata a Comunidade a un maior número de peregrinos, polo que a administración autonómica está comprometida coa súa revalorización e promoción, como demostran estas obras”.

Esta actuación está enmarcada dentro do Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago que, aliñado coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, marca a folla de ruta coa que a Xunta traballa de cara á organización do vindeiro Xacobeo 2021.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada