Economía destina case 600.000 euros para o uso de enerxías renovables na provincia de Pontevedra

eficiencia energéticaO delegado territorial da Xunta en Pontevedra destacou esta mañá que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará 600.000 euros para a mellora da eficiencia enerxética de 127 proxectos de empresas, particulares e concellos que lles permitirán a posta en marcha de iniciativas de aerotermia, solar térmica e xeotermia.

Deste xeito, José Manuel Cores Tourís, destacou que a Xunta está a consolidar a súa aposta polas enerxías renovables e o seu compromiso de impulsar a eficiencia enerxética coa resolución da convocatoria de enerxías renovables dirixida ao sector primario.

A nivel autonómico, o Goberno galego destinará un total de 1,95 millóns de euros para a posta en marcha dun total de 438 proxectos para a creación, mellora e ampliación de instalacións de bombas de calor (xeotermia e aerotermia) ou solares térmicas por parte de familias, empresas e administracións.

En concreto, beneficiaranse destes apoios un total de 379 familias, 37 pemes e 22 administracións galegas. Ademais, destes 438 proxectos, 355 estarán destinados á instalacións de aerotermia e solar térmica e os restantes a instalacións xeotérmicas. Estas actuacións posibilitarán un aforro de enerxía de case 400.000 litros de gasóleo ao ano coa consecuente redución de emisión en máis de 1000 toneladas anuais, o equivalente á acción de máis de 50.000 árbores. Con estas iniciativas, mobilizaranse 4,3 milllóns de euros no sector e crearanse preto de 60 postos de traballo.

Na comarca de Pontevedra, ademais dos particulares e das pequenas empresas, tamén se beneficiará a firma Orsil Promoinvest S.L., cun proxecto de aerotermia. O concello de Valga tamén se acolleu a estas axudas cun proxecto destanado a melloras enerxéticas a través da enerxía solar térmica.

A axuda poderá alcanzar o 50% para particulares ata 12.000 euros de custe elixible, no caso de proxectos de xeotermia e 6.000 euros para aerotermia ou solar térmica. No caso das medianas empresas a porcentaxe da axuda será un 40% do custo elixible, un 50% para as pequenas empresas e un 75% para as administracións públicas. Nestes casos os máximos serán 50.000 para xeotermia e 20.000 euros para aerotermia ou solar térmica. As actuacións inclúen o equipamento principal de xeración de enerxía, así como o custe da montaxe ou accesorios para o funcionamento dos equipos, ademais do sistema de captación, no caso da xeotermia. Grazas a esta liña de axudas, nos últimos dous anos concedéronse preto de 500 apoios aos que se suman os máis de 400 deste ano.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada