A Xunta reducirá ata dous meses o tempo máximo para lograr un permiso de tala ou aproveitamento madereiro

Mapa de distritos forestais de Galicia.

Mapa de distritos forestais de Galicia.

A Xunta modificará toda a tramitación para solicitar as autorizacións de cortas de madeira e de aproveitamentos madeireiros para reducir os tempos de espera dunha autorización de seis a dous meses como máximo. Deste xeito preténdese facilitar o traballo tanto de particulares como de empresas á hora de sacar beneficio das súas plantacións.

En concreto, modifícanse dous aspectos da lei de montes. Dunha banda, nos espazos que non estean suxeitos a unha protección especial, apóstase polo concepto de declaración responsable, que vén substituír o que ata o de agora era unha autorización ou unha comunicación previa e que tardaba entre sete e quince días, segundo o caso. Agora, con este documento no que o propietario do terreo afirma a súa posesión e, como tal, asume a súa responsabilidade, será un trámite practicamente instantáneo a través da súa presentación telemática.

Doutra banda, naquelas zonas que si estean suxeitas a unha especial protección ben pola lexislación de augas, estradas, costas ou polo patrimonio cultural ou natural, a partir de agora os particulares ou empresas forestais só terán que contactar co departamento de Medio Rural como único interlocutor para solicitar estes permisos. Será a propia consellería a que solicite os perceptivos informes á administración responsable en cada caso e autorice a continuación a actuación. Así, traballarase cunha “xanela única”, unha simplificación burocrática que fará menos complicada a actividade do sector forestal ao tempo que supón un aforro para os particulares e compañías cando queiran realizar aproveitamentos forestais madeireiros ou leñosos. Isto é así porque a tramitación redúcese a unha autorización única e, polo tanto, a unha soa taxa fronte a todas as que ata o de agora tiñan que aboar os solicitantes.

Calcúlase que neste último caso, autorizacións que podían tardar ata seis meses, segundo a administración implicada, reduciranse a dous meses como máximo: un para a recepción do informe correspondente e outro para ditar a autorización final.

Estes cambios están incorporados na Lei de fomento de implantación empresarial que busca favorecer a actividade industrial e, polo tanto, o emprego apostando por unha administración galega moderna e que dea respostas áxiles ás iniciativas que queiran saír adiante.

Cómpre destacar que ningunha destas modificacións supoñen unha diminución da preservación dos valores culturais, naturais e paisaxísticos de Galicia, xa que se conta co informe do órgano competencial. Moi ao contrario, lógrase a optimización de recursos humanos e a simplificación e normalización dos procedementos de autorizacións de aproveitamentos forestais.

O forestal é un sector moi importante para a economía galega xa que anualmente realízanse na nosa comunidade arredor de 75.000 aproveitamentos madeireiros cun movemento duns 8 millóns de metros cúbicos de madeira. Estes datos evidencian a relevancia dos aproveitamentos forestais madeireiros na nosa comunidade, que xeran riqueza e emprego no ámbito local entre os propietarios do monte, que no 98% corresponde a titulares privados.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada