Festival Minho Reggae Splash, unha cita ineludible para os amantes do reggae e dos ritmos xamaicanos

Con máis comodidades, máis espazo e rodeados de natureza, así é como regresa o festival Minho Reggae Splash que por oitavo ano será o encargado de pechar a tempada festivaleira a primeira fin de semana de setembro. Dous días cheos de obradoiros, conferencias, actividades deportivas e artísticas, espectáculos, feira de artesanía e, por suposto, moito reggae. Bandas internacionais e nacionais que converterán novamente ao Baixo Miño no referente do reggae nacional.

O festival Minho Reggae Splash celebra a súa oitava edición no concello de Tomiño, na parroquia de Goián, como vén facendo dende hai catro anos. Nesta edición repite cunha nova localización para o recinto de concertos que estará situado a poucos metros do Espazo Fortaleza ao carón do río, con praia fluvial, zona de descanso, aparcadoiro e todas as facilidades precisas para pasar unha fin de semana gozando da música e das actividades que nos propón a asociación viguesa, que leva traballando a prol deste estilo musical dende hai oito anos.

Poderase gozar dos concertos, de todas as actividades e da zona de acampada a partires de 15 euros. Este é prezo do abono reducido de dous días que dá dereito a participar en todas as actividades e acceso ao recinto de concertos. Aqueles que queiran ir só un dos dous días, poderán facelo por 20 euros. O billete tamén poderá adquirirse no propio recinto do festival por 30 euros os dous días.

Dende hai oito anos o Festival Minho Reggae Splash é unha cita ineludible para os amantes do reggae e dos ritmos xamaicanos. Pero tamén para todos aqueles que lles guste descubrir novas músicas, artistas de calidade e, sobre todo, pasar unha fin de semana inesquecible, polo bo ambiente, a cordialidade e a gran variedade da oferta lúdica e de lecer que ofrecen en todas as súas edicións. Esta non vai ser menos, e o festival cumprirá o seu oitavo ano de vida, como un dos festivais de referencia de toda España e do Norte de Portugal.

Actividades para todos os públicos e todas as idades. Unha das características principais do Minho Reggae Splash é a diversidade de público que atrae. Dende os cativos da casa até os máis maiores, aqueles que son uns apaixonados da música como os que queren pasar unha fin de semana diferente. Isto conséguese grazas á variedade e calidade das actividades que se programan, todas elas dirixidas por persoal especializado no ramo e con temáticas innovadoras que non contan cunha difusión maioritaria.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada