A imaxe de Galicia potenciarase a través dunha innovadora campaña baseada nos recursos enolóxicos cun enfoque feminino

As botellas das DO viaxarán á prestixiosa viñoteca Lavinia, onde protagonizarán numerosas iniciativas nas que participarán outras mulleres galegas: a chef Lucía Freitas, a enóloga Cristina Mantilla ou varias creadoras de Artesanía de Galicia.

As botellas das DO viaxarán á prestixiosa viñoteca Lavinia, onde protagonizarán numerosas iniciativas nas que participarán outras mulleres galegas: a chef Lucía Freitas, a enóloga Cristina Mantilla ou varias creadoras de Artesanía de Galicia.

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presentaron hoxe unha nova e innovadora campaña de promoción turística que realizarase entre os meses de setembro e novembro en Madrid e París e na que os recursos enolóxicos son os protagonistas. Baixo o título 5 galegas en Madrid e 5 galiciennes à París!, esta creativa acción promocional aposta por un enfoque feminino no que as mulleres serán as encargadas de comunicar a mensaxe.

Os presidentes das cinco denominacións de orixe vitivinícolas (Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras) asistiron á presentación desta campaña que celebrarase na prestixiosa viñoteca Lavinia de ambas capitais desde finais do verán e durante o outono. Co obxectivo de continuar consolidando a imaxe da Comunidade como un destino turístico de calidade que visitar durante todo o ano, apóstase por “unha campaña chea de imaxinación, sorprendente e elegantemente transgresora”, segundo explicou a directora de Turismo.

As cinco galegas levarán nas súas maletas os viños de cada unha das denominacións de orixe as que representan e as creacións artesanais das mulleres Marta Armada, Idoia Cuesta, Paula Ojea, Ilda Amoedo, María Pereira de Dosel, Noroeste Xoias, Elena Ferro e as redeiras da Illa de Estrela de Corme. Nas accións promocionais que se celebrarán en Madrid e París participarán, ademais, a chef Lucía Freitas e a enóloga Cristina Mantilla, ambas galegas.

ACCIÓNS

Será unha oportunidade para consolidar os viños galegos en Madrid, onde xa están moi ben situados, de xeito que a campaña, que comezará o 11 de setembro, servirá para afondar no seu coñecemento e prestixio. E no caso de París, esta creativa aposta permitirá a partir do 12 de outubro abrirse paso nun mercado de gran variedade e características afianzadas.

Nos meses nos que a campaña desenvolverase, a viñoteca Lavinia estará decorada con grafismos das cinco denominacións de orixe vitivinícola e os seus viños ocuparán espazos expositivos de carácter preferente. Ademais, organizaranse accións como un almorzo con medios de comunicación maridado con viños elaborados por mulleres, a presentación aos touroperadores e as axencias de viaxe especializadas ou un show-room de bodegueiros.

Ángeles Vázquez salienta que os viños galegos, caracterizados pola súa calidade e a súa vinculación ao territorio, son “os mellores embaixadores da nosa terra”. Nava Castro lembra que os recursos enolóxicos “son un dos grandes valores que diferencian a Galicia doutros destinos e lle aportan un enorme valor engadido”.

Ángeles Vázquez salienta que os viños galegos, caracterizados pola súa calidade e a súa vinculación ao territorio, son “os mellores embaixadores da nosa terra”. Nava Castro lembra que os recursos enolóxicos “son un dos grandes valores que diferencian a Galicia doutros destinos e lle aportan un enorme valor engadido”.

Así mesmo, na zona de restauración ofrecerase un menú e un tapeo galego diario durante a permanencia da campaña, e a prestixiosa viñoteca Lavinia difundirá a campaña a través de diferentes accións de comunicación aos seus socios e clientes. Ademais, haberá un punto de información turística onde os visitantes podan recibir detalles sobre o destino Galicia.

180 MILLÓNS

A conselleira do Medio Rural felicitou a Turismo de Galicia por esta “orixinal iniciativa” que combina “o papel protagonista dos viños galegos coa posta en valor dunha mensaxe en feminino”. Salientou, ademais, a importancia do sector vitivinícola da Comunidade, tanto desde o punto de vista cultural e turístico como, sobre todo, económico.

Así, resaltou que as cinco denominacións de orixe galegas implican uns 16.000 viticultores e 460 adegas, cunha produción anual de 387.000 hectolitros de viño e un valor en orixe que se sitúa nos 180 millóns de euros.

Ángeles Vázquez sinalou que os viños galegos caracterízanse pola súa vinculación co territorio e pola súa calidade, algo que os converte nos “mellores embaixadores da nosa terra”, motivo polo que contribúen a impulsar a marca Galicia tamén desde o punto de vista turístico, recalcou.

OFERTA

Pola súa banda, Nava Castro lembrou que os recursos enolóxicos “son un dos valores que diferencian a Galicia doutros destinos e nos permiten apostar por unha oferta de calidade, diversificada e especializada, que lle aporta un enorme valor engadido e faina moi atractiva”.

Así o recolle a Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento no que a Xunta e o sector plasman os retos, compromisos e oportunidades desta actividade a corto e medio prazo coa vista posta no Xacobeo 2021. Esta estratexia ten a calidade e a sustentabilidade como guías e a maior parte dos seus 240 millóns de orzamento dedícanse ao territorio, con inversións destacadas na paisaxe, os recursos naturais e a potenciación dos valores diferenciadores.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1