A exposición, comisionada por Vítor Nieves, está incluída no festival de fotografía «Outono fotográfico»

O humor desacougante e surrealista do fotógrafo Rubi Lebovitch chega a Lugo

Spaghetti. ® Rubi Lebovitch

Spaghetti. ® Rubi Lebovitch

O fotógrafo israelí Rubi Lebovitch chega á Sede Afundación de Lugo (praza Maior, 16) coa exposición fotográfica «Home sweet home». A mostra, incluída no festival de fotografía «Outono fotográfico», poderase visitar do 6 de setembro ao 7 de outubro en horario de 18.00 a 21.00 h.

«Home Sweet Home», de Rubi Lebovitch, é unha colección de fotografías que ilustra a contorna doméstica mediante imaxes sinxelas caracterizadas polo misterio, a vaguidade e a incongruencia, creando unha atmosfera na que os obxectos toman un novo significado. Igual que nunha pintura surrealista, reinventa unha realidade imposible botando man de obxectos mundanos en espazos domésticos que se volven anómalos e sorprendentes na calma reflexiva dunha fotografía.

Toaster. ® Rubi Lebovitch

Toaster. ® Rubi Lebovitch

Tanto os personaxes como os espazos que fotografa poden ser identificados facilmente, pois desprenden a proximidade precisa para levar ao espectador ao campo familiar. Eses personaxes que podemos relacionar con membros da nosa propia familia parecen estar desconcertados nunha contorna pouco favorable, xa que Rubi substitúe a racionalidade por unha supravisión esaxerada dos espazos domésticos que sitúa o espectador ao fío do terror familiar definido por Freud.

A inquedanza que produce o visionado das imaxes de Lebovitch vén dada polo seu constante afondamento na soidade e no baleiro que conecta sutilmente ao concepto de sinistro que dalgunha maneira sitúa o espectador na orixe do terror familiar freudiano. Un terror que dificilmente recoñecemos, ao convivir con el a diario, pero, como vemos nestas fotografías, esperta unha ansiedade que socava a paz e a seguridade que por norma xeral asociamos coa casa.

O ARTISTA, RUBI LEBOVITCH

Rubi Lebovitch naceu en Tel Aviv e graduouse en Arte e Fotografía na Academia Bezalel. A súa obra foi exposta en numerosas exposicións individuais e colectivas en galerías e museos de todo o mundo. «Home Sweet Home» está presente en varias coleccións de museos e galerías dos Estados Unidos como o Museum of Fine Arts de Houston, o NewSpace Center for Photography en Portland, Rayko Photo Center de San Francisco ou o Center for Fine Art Photography de Fort Collins. Ten acadado importantes premios como o Moscow International Photo Award, Center Santa Fe, Japan Art Festival e o Critical Mass top 50 de 2015.

Table.® Rubi Lebovitch

Table.® Rubi Lebovitch

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada