As axudas da Xunta para empresas non agrarias permitirán crear máis de 60 empregos e manter outros 715 no medio rural

Ángeles Vázquez visitou en Xinzo de Limia unha das empresas beneficiarias destas achegas e destacou que estes fondos contribúen a dinamizar a actividade non agraria no eido rural, fomentando a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade, tanto en termos sociais como económicos.

Ángeles Vázquez visitou en Xinzo de Limia unha das empresas beneficiarias destas achegas e destacou que estes fondos contribúen a dinamizar a actividade non agraria no eido rural, fomentando a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade, tanto en termos sociais como económicos.

As axudas da Consellería do Medio Rural para a ampliación e modernización de pequenas empresas non agrarias facilitarán a creación de ata 62 novos empregos e o mantemento doutros 715 postos de traballo. Será posible grazas a un investimento total que na convocatoria de 2017 superará os 8 millóns de euros, cunha subvención pública de 2,9 millóns.

Estes datos foron destacados hoxe pola conselleira Ángeles Vázquez, que visitou en Xinzo de Limia unha das empresas beneficiarias destas achegas, acompañada polo director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e polo alcalde desta localidade ourensá, Antonio Pérez Rodríguez.

A visita centrouse na vivenda comunitaria San Gabriel, que solicitou estas axudas no ano 2016 para a adquisición e adecuación dun inmoble co fin de dedicalo a estes fins sociais. Actualmente esta infraestrutura conta con 12 prazas autorizadas pola Consellería de Política Social. Neste caso, o investimento achegouse aos 160.000 euros e adxudicóuselle unha axuda de algo máis de 71.000. Conta con cinco empregados.

Esta iniciativa é unha das cinco aprobadas no municipio de Xinzo de Limia, que permitiron a posta en marcha desta residencia así como dunha escola infantil, a ampliación dun local para asesoría, a creación dun centro de actividades deportivas e a modernización dunha empresa de servizos sanitarios. Todos estes proxectos supuxeron un investimento total de 328.000 euros e recibiron axuda por importe de 148.000 euros.

As axudas para empresas non agrarias no rural están cofinanciadas con dotacións do Fondo Europeo Agrario de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura e da propia Xunta, a través de Medio Rural. A porcentaxe de subvención sobre o investimento total acada o 45%, cunha achega pública máxima de 200.000 euros, xa que se trata dunha convocatoria enmarcada no réxime de mínimis.

OBXECTIVO

A conselleira explicou que o obxectivo destas axudas é dinamizar a actividade non agraria no eido rural, fomentando a diversificación económica, o equilibrio territorial e a sustentabilidade, tanto en termos sociais como económicos. Por iso apóiase a adquisición de maquinaria e equipamento para iniciativas de todo tipo que non estean enmarcadas no sector primario, tales como escolas infantís, pequenas fábricas artesáns, empresas que apostan pola innovación, etc.
Esta liña complementarase con outra destinada a financiar obra civil, tamén de actividades non agrarias, que está previsto convocar en outono. O importe conxunto de ambas convocatorias rolda os 5,5 millóns de euros, un 57% máis que o achegado en 2016, que foron 3,5 millóns en total.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada