Conde subliña que a Lei de implantación empresarial porá os parques empresariais de Galicia no primeiro plano da política industrial da Xunta

Conde precisa que o Goberno galego acaba de aprobar un paquete de axudas que mobilizarán preto de 6 millóns de euros para acometer diversas actuacións de mellora en arredor de 60 parques industriais.

Conde precisa que o Goberno galego acaba de aprobar un paquete de axudas que mobilizarán preto de 6 millóns de euros para acometer diversas actuacións de mellora en arredor de 60 parques industriais.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, remarcou este sábado que a futura Lei de implantación empresarial porá os parques empresariais de Galicia no primeiro plano da política industrial da Xunta. Conde, que visitou o polígono industrial de Meira, sinalou que o obxectivo é apoiar os concellos no desenvolvemento de medidas que permitan atraer investimentos cara as áreas empresariais galegas.

Nese sentido, o conselleiro precisou que o Goberno galego acaba de aprobar un paquete de axudas por valor de 4,2 millóns de euros, que van mobilizar preto de 6 millóns de euros, para acometer diversas actuacións de mellora en 59 parques industriais. No caso do polígono de Meira, concretou que disporá dun apoio de case 79.000 euros para a reposición do firme asfáltico da vía principal. E, no conxunto da provincia de Lugo, serán un total de 18 parques empresariais os que se verán beneficiados destas axudas, que mobilizarán 1,6 millóns de euros.

MENOS BUROCRACIA

Conde salientou que se trata de favorecer o investimento, a creación de empresas e a fixación de tecido industrial en Galicia e, nese sentido, apuntou que a Lei de implantación empresarial traerá consigo unha menor burocracia, maior axilidade administrativa e incentivos fiscais e financeiros “para converter Galicia nun país onde investir sexa máis doado”.

 

“Imos actuar sobre os polígonos industriais, imos permitir unha maior facilidade para acometer investimentos nas áreas empresariais de Galicia, e imos reducir á metade a tramitación administrativa que ten que afrontar un proxecto industrial ata a súa posta en funcionamento”, dixo.

Referiuse así a que esta normativa permitirá reducir á metade o prazo de tramitación para poñer en marcha novos proxectos industriais a través dun procedemento único e integrado, que consiste na tramitación conxunta da autorización ambiental, a avaliación de impacto ambiental e, de ser o caso, o pertinente informe sectorial.

En segundo lugar, autorizará a urbanización parcial das áreas industriais axustándose á demanda real de solo, e facilitará o pagamento aprazado e sen xuros na compra de parcelas; ata o de agora con bonificacións de ata o 50% ou con dereito a superficie. Tamén, achegará incentivos fiscais en colaboración cos concellos doing business. E, finalmente, crearase o Censo de solo empresarial para coñecer pormenorizadamente as necesidades dos polígonos empresarias galegos.

Conde salientou que esta lei é “un proxecto estratéxico” e ten que permitir “que Galicia sexa o lugar máis axeitado e onde haxa máis facilidades”, administrativas e fiscais, para fixar tecido industrial.

MEIRA

Sobre o polígono de Meira, o conselleiro indicou que é un dos 35 parques empresariais cos que conta actualmente a provincia de Lugo. Abrangue unha superficie de máis de 89.000 m² e está dividido en 35 parcelas, totalmente ocupadas, onde desenvolven a súa actividade 19 empresas.

Segundo destacou, as obras que se van acometer consisten no fresado do firme existente para proceder ao seu asfaltado e, posteriormente, ao pintado das marcas viarias de sinalización horizontal.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada