A Xunta abre o prazo para participar no programa emprega xuventude dirixido a empresas da industria 4.0 e a agroalimentación

TerxyA Xunta abre hoxe o prazo de presentación de solicitudes, tras a publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado venres, para participar en Emprega Xuventude, un novo programa destinado a impulsar a formación e a contratación dos menores de 30 anos sen emprego en Galicia. Trátase dunha experiencia piloto pioneira na Comunidade, xa que combina por primeira vez formación e incentivos á contratación para mellorar a situación profesional da mocidade.

Para iso, a iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria inclúe axudas a través dun bono de 7000 euros. Deste forma, nunha primeira fase, de forma experimental, investiranse 3,5 millóns de euros, financiados a través do Sistema de Garantía Xuvenil, para beneficiar a 500 mozos e mozas que se poderán cualificar e traballar en dous dos sectores estratéxicos galegos: a Industria 4.0 e o agroalimentario.

O principal obxectivo é ofrecer á mocidade galega a oportunidade de formarse e acceder ao mercado laboral. Para mellorar a súa cualificación, outorgarase un bono de 2000 euros aos participantes, que se formarán nas propias empresas, polo que a formación se centrará nas características do posto para o que é contratado o mozo ou moza. É dicir, a Xunta apoiará un plan de formación adaptado ás necesidades e habilitades do propio posto de traballo. Será, polo tanto, unha formación adaptada á demanda real das empresas galegas.

Para incentivar a contratación, haberá un segundo bono de 5000 euros -tamén por participante- para empresas de sectores e liñas de negocio empresarial vinculadas á innovación tecnolóxica industrial ou ao sector agroalimentario. Os contratos deberán ter unha duración mínima de 12 meses. Para recibir o bono formación será indispensable que a compañía teña contratado ao mozo ou moza.

Do que se trata é de identificar novas saídas laborais para os novos perfís profesionais e poder, desta forma, contar con profesionais máis preparados en sectores que precisan cualificación especializada como son os dous nos que se centra este ano Emprega Xuventude.

Así mesmo, a Xunta prevé con esta iniciativa axudar ao tecido empresarial galego a gañar en competitividade ao dispoñer de traballadores máis axustados as súas necesidades e contribuír a fixar poboación xuvenil nas vilas e cidades de Galicia.

Emprega Xuventude forma parte da Axenda 20, a folla de ruta coa que o Goberno galego está impulsando o emprego estable e de calidade adecuando a formación dos traballadores galegos aos perfís profesionais que están demandando as empresas. A través desta planificación, o Goberno galego puxo en marcha este ano outros programas como as Unidades Formativas, no que xa participan catro empresas (Coren, Coasa, Exlabesa e Previsonor) e no que 130 desempregados terán a oportunidade de adaptarse as súas necesidades reais.

Dirixidas especificamente á mocidade, un colectivo prioritario en todas as políticas activas de emprego da Xunta, na Axenda 20 tamén se recollen as axudas para autónomos e a contratación con nove millóns de euros para beneficiar a 1200 mozos e mozas; ou unha actuación que, dotada con 4,3 millóns, inclúe formación á porta para achegar os cursos a concellos que non contan con centros homologados. Neste caso, a previsión é impulsar a especialización de 2500 persoas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada