Galicia lidera as afiliacións en agosto e é a terceira comunidade na que máis diminúe o paro

CIMUSGalicia pecha agosto con 181.125 persoas no paro, situándose por primeira vez desde o inicio da crise por debaixo das 190.000 nun mes de agosto. O desemprego caeu con respecto ao mesde xullo un 0,41% e con respecto ao mesmo mes do ano pasado un 6,17%. “Os datos reflicten que Galicia vai na boa dirección mantendo un mellor comportamento que a media española, xa que somos a terceira comunidade onde máis diminúe o paro e somos tamén a comunidade con máis afiliacións”, destacou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde.

Así, mentres que España rexistra unha suba do desemprego do 1,39%, Galicia baixa un 0,41% con respecto ao mes pasado, situándose como a terceira comunidade con máis caída intermensual en termos absolutos. Con respecto ás afiliacións, Galicia sobe un 0,23% con 2293 máis, mentres que o estado baixa un 0,97%, situándose como a comunidade autónoma na que máis se incrementa a afiliación intermensual.

Tal e como destacou o conselleiro, a calidade do emprego segue crecendo: “Os datos están dando mostras da fortaleza da recuperación económica en Galicia e temos que seguir avanzando para que esa recuperación chegue a todos creando emprego”, destacou e lembrou que no último ano se crearon preto de 20.000 postos de traballo “que marcan a tendencia clara de que remataremos esta lexislatura por riba dos 80.000 empregos creados”.

Neses últimos doce meses o paro descendeu nas principais variables, baixando nas catro provincias e tamén nas sete grandes cidades, así como en todos os sectores, liderando o descenso a construción (-17,56%), a agricultura e a pesca (-10,86%) e a industria (-10,36%).
Tamén caeu o paro nos colectivos prioritarios para a Xunta como son os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as mulleres: “Dous de cada tres desempregados que saíron do paro nos últimos 12 meses eran parados de longa duración”, informou Conde.

O conselleiro insistiu en que para que a recuperación sexa firma hai que seguir afondando na creación de emprego de calidade, así explicou que a contratación en xeral subiu no último ano un 9,38%, superando en 3,5 puntos a media estatal, aumentando tanto a indefinida un 8,98% como a contratación a tempo completo un 12,71%.

Con respecto ao mesmo mes do pasado ano, o número de persoas sen emprego tamén diminuíu, nun 6,17%, rexistrándose 11.920 parados menos e encadeando catro anos consecutivos de caída na evolución anual nun mes de agosto, período no que 1 de cada 3 parados abandonaron as listas do paro. Tamén aumentaron as afiliacións un 2,02% rexistrando máis de 3 anos de subidas consecutivas. En canto ás provincias, Pontevedra lidera a baixada con respecto a agosto de 2016 (-8,09%), seguida da Coruña (-5,90%), Ourense (-4,11%) e Lugo (-1,67%).

MEDIDAS E NOVAS NECESIDADES

Con estes datos, o mercado laboral segue mellorando en Galicia mes a mes baixando as cifras de desemprego de xeito consecutivo desde principios de ano, o que sitúa á Comunidade ante un bo escenario para acadar o reto fixado na Axenda 20 de crear, polo menos, 80.000 novos postos de traballo.

Conde destacou que a Xunta seguirá traballando nesta dirección para consolidar e mellorar estes datos coa prioridade de crear emprego estable e de calidade a través dunha planificación axeitada. Entre estas medidas, varias foron activadas no último mes, como a posta en marcha do bono autónomo con apoios de ata 3000 euros; o aumento en seis meses da tarifa plana de 50 euros do estado para garantir a continuidade de 6000 autónomos galegos, a ampliación nun millón de euros das axudas para a contratación indefinida do primeiro, segundo e terceiro traballador; as axudas para incentivar con ata 10.000 euros nas pemes a contratación indefinida de desempregados; ou os apoios para impulsar o emprego xuvenil, dotados con 9 millóns de euros, máis a experiencia pioneira Emprega Xuventude.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada