A nova lei que reforma o financiamento dos partidos políticos galegos prohibe as doazóns privadas

O Consello da Xunta deu luz verde ao proxecto de lei que reforma o financiamento dos partidos políticos galegos e lles prohibe aceptar doazóns anónimas e de persoas xurídicas. Esta norma cumpre co que vén manifestando a Xunta nos últimos dous anos e no que redundou o propio presidente no último debate de política xeral no Parlamento de Galicia.

 

A nova lei limitase ás formacións políticas que participan nos procesos electorais a nivel autonómico e, como novidade, estendese ás fundacións e asociacións vinculadas a elas. Ademais, reforza as medidas de control das subvencións públicas aos partidos e outorga especial atención ao papel que desenvolve o Consello de Contas de Galicia.

 

Prohibidas as doazóns

 

Polo que respecta á regulación do financiamento público das formacións políticas con cargo aos orzamentos xerais da Xunta, inclúense tanto as subvencións para gastos electorais como para gastos de funcionamento.

 

Dentro dos primeiros, a principal novidade é a ampliación dos requisitos que deben reunir as formacións políticas para seren beneficiarias destas subvencións. Xa non basta con obter representación parlamentaria, senón que ademais compre non ter recibido doazóns de persoas xurídicas -con expresa mención ás procedentes de fundacións e asociacións vinculadas-, nin anónimas.

 

Neste apartado tamén destaca a ampliación das prohibicións para ser nomeado administrador/a electoral; a previsión de que as achegas de fondos para sufragar gastos electorais deben ser aboadas directamente polas persoas apostantes nas contas abertas para tal fin, e a inclusión dunha mención expresa ás funcións de control que desenvolve a Xunta Electoral de Galicia.

 

Respecto ás subvencións para gastos de funcionamento con cargo ás arcas públicas galegas, cómpre sinalar que a súa concesión non é imperativa senón que se configura como potestativa, en función do que dispoña para cada exercicio a correspondente Lei de orzamentos xerais.

 

Ao igual que ocorre coas subvencións para gastos electorais, tampouco se permitirán as doazóns anónimas nin de persoas xurídicas e incorpórase a exixencia de acreditación polas formacións políticas da adquisición polas persoas electas da condición plena de deputado/a e do exercicio efectivo do cargo para o que foron elixidas, así como de presentar unha memoria detallada e documentada dos gastos de funcionamento.
Fundacións e asociacións vinculadas

 

A regulación esténdese tamén ás fundacións e asociacións vinculadas ás formacións políticas, con especialidades que serán de aplicación ás subvencións outorgadas ás ditas entidades, tanto pola Administración xeral galega como polas entidades públicas instrumentais do sector público autonómico. Neste caso trátase de garantir a regularidade das doazóns que estas entidades poidan percibir de persoas xurídicas.

 

Control e fiscalización do Consello de Contas

 

Un dos aspecto que cobra especial atención no novo texto é o papel que se lle atribúe ao Consello de Contas para o control e a fiscalización da actividade económico-financeira das formacións políticas e das fundacións e asociacións vinculadas.

 

A este órgano atribúeselle o control da contabilidade electoral das formacións políticas e a fiscalización das subvencións outorgadas con cargo aos orzamentos da Xunta. Ademais recóllense previsións destinadas a evitar duplicidades e disfuncionalidades innecesarias, como a previsión de que tome en consideración, na súa función fiscalizadora, os informes emitidos polo Tribunal de Contas.

 

Maior publicidade e transparencia

 

Finalmente, no relativo á transparencia, o novo texto lexislativo recolle unha serie de obrigas de publicidade activa das subvencións outorgadas tanto a partidos como a fundacións e asociacións vinculadas. Con estas medidas preténdese facilitar o acceso da cidadanía á información relativa ao financiamento destes entes, en consonancia co carácter público das súas funcións e a importancia dos recursos públicos destinados ao seu financiamento.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada