A declaración de municipios turísticos implicará un compromiso real e efectivo a busca da calidade e a excelencia

O Consello da Xunta aprobou este xoves o proxecto de decreto que regulará a declaración de municipios turísticos de Galicia logo do seu sometemento ao ditame do Consello Consultivo de Galicia.

 

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, recolle a declaración de municipios turísticos, e establece os requisitos mínimos que deberán cumprir os municipios galegos para seren declarados municipios turísticos.

 

Así mesmo, establece os servizos mínimos que, sen prexuízo dos exixidos pola lexislación de réxime local, deben prestar os municipios turísticos, así como os efectos que terá a súa declaración e os supostos en que pode perderse tal condición.

 

Este decreto ten por obxecto o desenvolvemento regulamentario dos citados preceptos da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, xa que regula os requisitos e servizos mínimos para obter a condición de municipio turístico, os elementos de valoración para a súa obtención, así como o procedemento, efectos e perda daquela.

 

Esta declaración estaba regulamentada no Decreto 39/2001, do 1 de febreiro, de refundición en materia de Consello Galego de Turismo, declaración de municipio turístico galego e declaración de festas de Galicia de interese turístico.

 

O novo decreto engade novas exixencias co propósito de que a declaración de municipio turístico implique para o concello un compromiso real e efectivo dirixido a potenciar o sector turístico no seu termo municipal como área económica, social, cultural e de imaxe.

 

Os municipios turísticos declarados con anterioridade á entrada en vigor do decreto manterán a súa declaración en canto cumpran cos requisitos e servizos mínimos establecidos no novo decreto. Para aqueles municipios turísticos declarados con anterioridade á súa entrada en vigor, que non reúnan os requisitos establecidos neste, establécese un prazo de catro anos para a súa adaptación. Respecto aos expedientes en curso, tramitaranse e resolveranse conforme as disposicións vixentes no momento da súa iniciación.

 

Principais novidades

 

O dito proxecto de decreto endurece as condicións de acceso á declaración de municipio turístico en prol da calidade e excelencia dos municipios turísticos de Galicia.

 

Os requisitos e servizos mínimos que deben cumprir os concellos para que proceda a declaración continúan sendo que a poboación turística sexa superior ao 25% do número de veciños, que o número de prazas de aloxamento turístico e de prazas de segunda residencia sexa superior ao 50% do número de veciños e que acrediten contar, dentro do seu territorio, con algún recurso o servizo turístico susceptible de producir unha atracción turística que xere unha cantidade de visitantes cinco veces superior á súa poboación. Pero endurécense estes requisitos ao requirirse a concorrencia de todos eles, é dicir, considéranse de xeito acumulativo e non alternativo.

 

Así mesmo, o novo decreto inclúe dous criterios excepcionais para os municipios que polas súas características presentan dificultades para cumprir con algúns dos criterios citados anteriormente. Tal é o caso dos municipios en que parte do seu centro urbano está declarado ben de interese cultural coa clasificación de conxunto histórico xa que a súa singularidade patrimonial constitúe un factor de atracción turística pero tal circunstancia condiciona o desenvolvemento de actividades no ámbito turístico, especialmente no que atinxe aos aloxamentos, limitando o seu crecemento no conxunto do centro urbano.

 

Ademais, na regulación vixente, a comisión de valoración tiña en conta a prestación de servizos mentres que no novo proxecto de decreto a prestación de determinados servizos mínimos configúrase como una exixencia para poder optar á declaración de municipio turístico e, polo tanto debe acreditarse mediante certificación municipal.

 

O procedemento, a diferenza da regulación actual, só poderá iniciarse por instancia do concello interesado. No decreto vixente era necesario o acordo do pleno do concello pero o procedemento podía iniciarse por petición dos propios concellos ou por iniciativa da Administración turística autonómica.

 

Polo que respecta á tramitación dos expedientes de declaración de municipio turístico, correspóndelle a Dirección de Turismo de Galicia. Deste xeito, asume as competencias do centro directivo competente en materia de turismo da regulación agora vixente. A proposta de resolución ditaraa a persoa titular da Dirección de Turismo de Galicia, a declaración e corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, que o fará mediante acordo, que se publicará no Diario Oficial de Galicia. No decreto vixente, o procedemento era iniciado pola delegación provincial da consellería competente en materia de turismo, que o elevaba ao centro directivo competente no que unha comisión de valoración -da que agora se prescinde- era a encargada de formular a proposta de resolución que a consellería competente en materia de turismo eleva ao Consello da Xunta.

 

Outra das principais novidades refírese á competencia para a revogación das declaracións que na lexislación vixente correspondía ao Consello da Xunta. No proxecto de decreto establécese a Dirección de Turismo de Galicia.

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada