Feijóo apela á cooperación entre universidades e Goberno autonómico para xuntos afrontar retos futuros como a internacionalización do sistema galego

O titular da Xunta presidiu este mediodía o acto de apertura do curso académico 2017/18 da Universidade de Vigo.

O titular da Xunta presidiu este mediodía o acto de apertura do curso académico 2017/18 da Universidade de Vigo.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou hoxe á cooperación entre as universidades e o Goberno autonómico para, xuntos, afrontar os retos que prefiguran o futuro entre os que destacou o impulso á internacionalización do sistema galego, a través do Plan de excelencia universitaria.

Durante o acto de apertura do curso académico 2017/18 da Universidade de Vigo, Feijóo referiuse á cooperación como elemento clave que permitirá abordar tamén o novo mapa de titulacións para o período 2018-2020, cunhas bases plasmadas nun documento asinado polos tres reitores e a Administración e cun calendario de implantación que será presentado antes de fin de ano.

Así mesmo, destacou o obxectivo de que a sociedade teña un mapa de perfís profesionais de futuro a finais de 2019, que sirva de fundamento para os graos e másters da década vindeira. “Porque o futuro do Sistema Universitario Galego non prepara o futuro: vive xa no futuro”, aseverou.

Sen menoscabo da autonomía de cada unha das institucións, Feijóo lembrou que a cooperación conseguiu que Galicia sexa unha das comunidades máis eficientes na oferta académica. Non en van, o pasado período académico cubríronse o 90% das prazas ofertadas en primeiro curso de grao.

E no capítulo de apoio á investigación, o titular do Executivo autonómico subliñou que Galicia se sitúa entre as primeiras comunidades de España, precisando que desde 2009, e a pesar da recesión económica, se mobilizaron preto de 450 millóns de euros para manter e desenvolver estruturas investigadoras. “Hoxe son 500 os investigadores do Sistema Universitario Galego cuxas nóminas son aboadas pola Xunta, e contamos con cinco centros singulares de investigación e dúas agrupacións estratéxicas”, abundou, resaltando o papel da investigación universitaria na revolución empresarial e tecnolóxica que está a experimentar Galicia.

Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén a outro dos retos que nestes últimos anos Universidade e autogoberno están a afrontar xuntos: o Espazo Europeo de Educación Superior.

Sobre este punto, salientou que se no curso 2008/09 se impartían as primeiras cinco titulacións de grao adaptadas ao Plan Boloña, no curso 2017/18 impartiranse todas: “O 100% dos matriculados corresponden xa aos novos títulos de grao. O Espazo Europeo de Educación Superior será o único referente para as universidades galegas”, aseverou.

O presidente da Xunta fixo fincapé en que nunca o vencello entre as universidades galegas e a sociedade galega foi tan intenso. “Nunca o acceso ao ensino universitario foi tan igualitario. Nunca houbo tanta investigación frutífera”, dixo, incidindo na alta reputación internacional das universidades galegas.

Feijóo concluíu referíndose ao reitor da Universidade de Vigo entre os nomes propios da cooperación. Ao respecto, aseverou que Salustiano Mato achegou á Universidade “unha personalidade propia, compatible sempre coa lealdade institucional e a súa internacionalización”.

“Fixo que unha das primeiras universidades xoves do mundo forxase xa unha tradición digna de respecto”, aseverou, lembrando que con el se fixo realidade o primeiro campus periférico especializado de Galicia, o Campus da Auga en Ourense e a construción de infraestruturas básicas de investigación no Campus das Lagoas. “E cooperamos para construír o Campus do Mar que converterá está Universidade no referente das investigacións mariñas”.

Nesta mesma liña, resaltou que dentro de poucas semanas a Universidade de Vigo acollerá, grazas a un acordo de colaboración entre a Universidade e a Xunta, a exhibición do Pergamiño Vindel. “Un novo aliciente para o curso que hoxe inauguramos”, aseverou.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada