Acto de inauguración da VIII Conferencia Mundial do Atún

Galicia é a primeira rexión de Europa e a segunda do mundo en produción de conservas de túnidos

A Xunta ten reservados,dentro do Plan estratéxico da conserva, 96 millóns para, ata 2020, seguir impulsando a industria conserveira galega

O titular da Xunta presidiu esta mañá o acto de inauguración da VIII Conferencia Mundial do Atún con outras autoridades e dirixentes do mundo conserveiro.

O titular da Xunta presidiu esta mañá o acto de inauguración da VIII Conferencia Mundial do Atún con outras autoridades como a conselleira do Mar, Rosa Quintana, e dirixentes do mundo conserveiro como o secretario xeral de Anfaco-Cecopesca, Juan M. Vieites Baptista de Sousa.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, apelou á pericia, ao compromiso e á competitividade do sector atuneiro, conserveiro e transformador dos produtos do mar e das industrias auxiliares para seguir deseñando o seu futuro.

Durante a apertura da VIII Conferencia Mundial do Atún, Feijóo aseverou que, para avanzar por esta esixente ruta cara ao futuro, a Xunta seguirá comprometida co sector a través do Plan estratéxico da conserva. Un plan elaborado xunto á industria conserveira galega e que aposta pola orientación dos produtos de alta calidade cara aos mercados gourmet; pola busca de valor engadido para os subprodutos de pesca e os descartes, desenvolvendo e empregando técnicas de biotecnoloxía; e polo reforzo de promoción dos produtos da pesca, do marisqueo e da acuicultura, especialmente centrado nos máis novos.

Así mesmo, afirmou que o Goberno galego seguirá impulsando o crecemento do sector atuneiro e do marítimo-pesqueiro en xeral. “Desde 2009 estamos axudando a desenvolver 255 proxectos das nosas empresas, cun valor de 260 millóns de euros. E dentro do Plan estratéxico da conserva temos reservados 96 millóns para, ata 2020, seguir impulsando a industria conserveira galega”, engadiu.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico valorou as cifras da industria conserveira española entre xaneiro e xuño deste ano, que consolidan o primeiro semestre deste 2017 como o mellor da última década a nivel de exportacións.

Ao respecto, destacou o feito de que o valor da produción exportadora crecese moito máis, un 82%, que o seu volume, que medrou un 25% con respecto a 2007.

Ademais de lembrar que Galicia é a primeira rexión de Europa e a segunda do mundo en produción de conservas de túnidos, Feijóo salientou que a nosa Autonomía marcou en 2016 un novo récord na porción que representa da produción conserveira española: case o 87% do volume de produción e o 85% do valor de facturación proceden da nosa Comunidade.

Este crecemento económico trae aparellada a creación de novos postos de traballo e unha mellora gradual da súa calidade e estabilidade. Non en van, en 2016 deu traballo a 12.000 persoas, un 5% máis que no 2015.

“En definitiva, a conserva galega ten un futuro brillante” aseverou, incidindo na necesidade de seguir apostando por un sector máis competitivo e máis sustentable. Neste camiño, o responsable do Goberno galego concluíu gabando o traballo de Anfaco-Cecopesca, unha organización que coordina e funciona como foro de reflexión para 245 empresas do complexo mar-industria.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada