As achegas do Consello de Relacións Laborais serán fundamentais para a elaboración da nova Lei de Emprego, asegura Conde

consello de Relacións LaboraisO conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avogou este luns, no pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, polo impulso dun novo acordo marco interprofesional autonómico baseado na calidade e estabilidade laboral, no emprego inclusivo e en igualdade e na conciliación. “A recuperación cuantitativa do emprego debe ir acompañada dunha mellora cualitativa, dun emprego de calidade, e, sobre todo, o crecemento económico que estamos recuperando debe reducir as diferencias de renda que se produciron na crise”, apuntou.

Conde destacou a necesidade de sentar as bases dun novo marco de relacións laborais que siga impulsando o crecemento da economía a través deste órgano, un dos principais garantes da negociación colectiva e o diálogo social, segundo o conselleiro, que ten que ser “a fórmula para atender e dar resposta a todas as realidades laborais”.

O titular de Economía apuntou que a Xunta traballa neste eido para mellorar a calidade no emprego porque aseverou que “non haberá un crecemento económico sólido se non se crea un marco laboral estable”. Sinalou que Galicia está no camiño correcto, xa que recuperou case o 60% dos empregos perdidos durante a crise e é a terceira rexión onde máis baixou o desemprego e na que máis subiron as afiliacións á Seguridade Social no mes de agosto. Ademais, a contratación indefinida creceu por terceiro ano consecutivo.

Apuntou que para seguir acadando bos resultados, a Xunta traballa na elaboración da nova Lei de Emprego na que as achegas do Consello Galego de Relacións Laborais serán fundamentais. Esta normativa, segundo Conde, xunto cun novo marco laboral e a Lei de implantación empresarial, dará resposta ao novo contexto económico.

Para rematar, Conde destacou a importancia do labor do Consello Galego de Relacións Laborais para abrir espazos de diálogo e afondar no crecemento e na calidade do mercado laboral galego, ao tempo que insistiu na necesidade de que a creación de emprego estea destinada á mellora da calidade de vida dos galegos e galegas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada