Grandes ilustradores reinterpretan a arte dos grandes museos

Gioconda

Gioconda

Un total de 73 debuxantes e artistas da novena arte reinterpretan as grandes obras da historia da pintura universal na exposición «A arte no Cómic», comisariada polo historiador Asier Mensuro e producida por Fundación Telefónica, que poderá verse por primeira vez en Galicia.

 

A mostra, que se inaugurará na Sede Afundación da Coruña o vindeiro venres 22 de setembro, está estruturada en tres espazos: a presenza do cómic nos grandes museos, historietas desenvolvidas por autores galegos, que inclúe a interpretación en cómic da Colección de Arte de Afundación, obra do ilustrador Jacobo Fernández Serrano, e a homenaxe que realizaron algúns debuxantes a pezas de arte emblemáticas. A exposición mostra, entre outras, obras do Museo Louvre; do Museo do Prado, con pezas inéditas que se poden ver por primeira vez neste proxecto; ou do Museo Thyssen-Bornemisza, que actúan como colaboradores desta orixinal exposición.

 

«A arte no Cómic» estuda o modo en que o cómic se aproximou ao mundo da pintura e incide especialmente na actual corrente museográfica que avoga por un achegamento á novena arte como unha disciplina que debe estar presente na programación dos museos e grandes centros de arte. Así, no primeiro dos espazos desta exposición pode observarse a relación entre os grandes centros de arte e o cómic a través de obras da colección do Louvre, do Museo de Orsay, do Prado ou do Museo Thyssen-Bornemisza. Fundación Telefónica tamén se sumou a esta iniciativa encargando versións libres dalgunhas das mellores pezas do seu patrimonio artístico a ilustradores e autores de prestixio, que ofrecen a súa visión, entre outras, de obras de Pablo Picasso, Antoni Tàpies ou René Magritte.

 

O segundo ámbito da exposición está centrado no cómic desenvolvido por autores galegos, entre os que se atopan Brais Rodríguez e Miguelanxo Prado. Ademais, con motivo da mostra, Afundación encarga a Jacobo Fernández Serrano unha historieta baseada nalgunhas das obras máis sobresaíntes da súa colección de arte.

 

Por último, a exposición recolle como as grandes obras da pintura aparecen no cómic. Trátase dun achegamento novo ao mundo da pintura, unha mirada persoal e unha homenaxe dos autores de bandas deseñadas que, conscientes da capacidade narrativa da novena arte, utilizan os seus recursos para mostrarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao que habitualmente ofrecen críticos e teóricos da arte.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada