De que falarán as árbores convértese na obra gañadora do II Concurso ‘Balbino’ de Relatos

O xurado.

O xurado.

A obra De que falarán as árbores acaba de ser elixida como a gañadora do II Concurso “Balbino” de Relatos, de maneira que o seu autor, Ricardo Cid Paz, veciño de Ourense, verá publicado dito relato por Edicións Fervenza, sendo ademais, beneficiario dun cheque por valor de 1.500 euros.

O xurado, composto por Rosalía Morlán (escritora e poeta), Armando Requeixo (escritor, investigador e crítico literario) e Ánxela Gracián (escritora, poeta, crítica literaria e directora editorial) destacaron a calidade das obras presentadas nesta segunda edición. Un total de 24 relatos que achegaron diferentes visións do rural galego, valorando a defensa da nosa cultura, o que permite consolidar este premio como un referente para os nosos escritores e escritoras.

Non obstante, o xurado inclinouse por outorgar o premio, por unanimidade, ao relato De que falarán as árbores, que se correspondía co lema Tyto Alba, resultando da autoría de Ricardo Cid Paz.

Do relato, os membros do xurado destacaron a orixinalidade e modernidade dos seus relatos, onde o rural galego figura retratado dende unha óptica actual, na que deambulan os personaxes movidos pola forza dos sentimentos e o inevitable dos acontecementos. As quince historias que compoñen este volume ofrecen escenarios diferentes que converxen na intensidade das tramas propostas, así como na ductilidade dos rexistros idiomáticos empregados, na excelente caracterización dos personaxes e na viveza expresiva dos seus diálogos.

Colaboracións

O Concurso “Balbino” de Relatos conta coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Deputación de Pontevedra, a Fundación Xosé Neira Vilas, o Concello de Boqueixón e o Concello de Vila de Cruces.

Publicación

A partir deste momento comeza xa o proceso para dar forma a De que falarán as árbores que, segundo as previsións, verá a luz en novembro nunha presentación pública.

Ricardo Cid Paz (Ourense, 1974)

Narrador de ampla traxectoria no circuíto literario galego, ten no seu haber o primeiro premio do Certame Literario Terras de Chamoso, o segundo premio do Certame de Narración Curta de Curtis ou o accésit ao Certame de Relatos Vigo Histórico, en terras galegas e, fóra destas, distincións como o Certamen Literario Ciudad Autónoma de Melilla, o premio do Concurso de Cuentos Infantiles Sin Fronteras de Otxarkoaga (Bilbao) e unha mención honorífica no Premio de Relatos de Sexto Continente y Ediciones Irreverentes, entre outros.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada