Os balnearios galegos presentan a súa oferta ás axencias de viaxes e turoperadores esta semana en Termatalia

A balneoterapia é unha terapia non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor.

A balneoterapia é unha terapia non agresiva que axuda a diminuír a intensidade e os brotes de dor.

A Asociación de Balnearios de Galicia participa esta semana en Ourense en Termatalia, a Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, que este ano cumpre a súa 17ª edición. Neste foro mundial de termalismo danse cita expertos procedentes de máis de vintecinco países. A finalidade é impulsar o mercado do turismo termal, ao tempo que se establecen vínculos científicos e comerciais entre o continente europeo e o americano.

A Asociación de Balnearios de Galicia, que conta cun stand na feira, dará a coñecer as potencialidades de Galicia como primeiro destino termal de España dende a perspectiva mineira, sanitaria e turística. Será mañá xoves ás 18:00 horas. Baixo o lema Galicia, Destino Termal, presentará un programa de ofertas dos establecementos termais galegos ás axencias de viaxes e turoperadores. Nesta liña, un total de 13 balnearios da comunidade únense para crear paquetes especiais para este ano e o vindeiro, con estadías de 2, 3, 5, 9 e 14 noites.

Ademais, preséntase unha oferta complementaria ás estadías en balnearios. Tal como salienta o xerente da entidade, Benigno Amor, “son paquetes turístico-termais dos balnearios galegos, que inclúen, xunto á estadía no establecemento termal, unha atractiva proposta turística”. “Proponse gozar dos excelentes centros termais cos que contamos na nosa comunidade, ao tempo que se promove entre os usuarios a organización de visitas enogastronómicas, visitas culturais guiadas, coñecer lugares destacados do Camiño de Santiago e a realización dalgunha ruta, a práctica de actividades deportivas, navegar nun catamarán… no contorno de cada balneario”, explica Amor.

TODA GALICIA

Os balnearios que se inclúen nesta oferta son, na provincia da Coruña, o balneario de Compostela (Brión). En Lugo están os de Augas Santas (Pantón) e as Termas Romanas de Lugo. En Ourense atópanse os de Arnoia, Baños de Molgas, Laias (Cenlle), Lobios, e Caldas de Partovia (no Carballiño). E en Pontevedra sitúanse as Termas de Cuntis, Baños da Brea (Vila de Cruces), Isla de La Toja, Gran Hotel La Toja e o balneario de Mondariz.

AUGAS MINEROMEDICINAIS

No marco da feira, mañá xoves, ás 16:00 horas, celebrarase unha sesión sobre hidroloxía médica. No transcurso da mesma presentarase o “Vademécum das augas mineromedicinas de Galicia”, no que se recollen as indicacións terapéuticas da cura balnearia. Permitirá aos médicos dispoñer de información actualizada e científica sobre a súa composición e propiedades terapéuticas, o que facilitará o seu uso como alternativa eficaz ou complementaria aos medicamentos en certas doenzas.

Proponse que os visitantes desfruten doutras experiencias turísticas ao tempo que gozan da estadía nun balneario como a realización de visitas enogastronómicas e culturais, achegarse ao Camiño de Santiago ou practicar diferentes deportes

O encargado de presentar a publicación, a primeira destas características que existe en Galicia, será o doutor Juan Gestal, director da Cátedra de Hidroloxía Médica da Universidade de Santiago e a Asociación de Balnearios de Galicia, entidade que edita o vademécum.

 A publicación divídese en dúas partes. Na primeira estúdase a importancia terapéutica das augas mineromedicinais, a súa clasificación e mecanismos de acción, indicacións, contraindicacións e vías e técnicas de administración, así como a situación actual da investigación en termalismo e os métodos utilizados para a súa análise. Tamén se inclúe a principal normativa legal que afecta ao sector no ámbito autonómico, estatal e europeo.

Na segunda parte recóllese información de cada un dos 21 balnearios de Galicia e das envasadoras de augas minerais naturais de Cabreiroá (Verín) e Fontecelta (Sarria). De cada balneario apórtase información sobre a composición, tipo e propiedades terapéuticas das augas; principais indicacións terapéuticas, técnicas de aplicación e perfil de pacientes atendidos; así como sobre a dirección médica, períodos de actividade, instalacións hoteleiras e como contactar, xunto a un pequeno resumo da súa historia.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada