O lobo mariño que non quería voltar ao mar

'Celeiro'.

‘Celeiro’.

Un exemplar de lobo mariño cincento (Halichoerus grypus) foi atopado no espigón do porto de Celeiro, en Viveiro, o día 5 de xaneiro. Aínda que o animal voltou ao mar, mais o día 6 apareceu noutro lugar negándose a dirixirse de novo ao mar. Esta negativa a voltar ao mar é un criterio que se usa para a detección de problemas nun lobo mariño e por tanto o momento cando se toma a decisión de recollelo para recuperación. Para a asistencia dos lobos mariños en recuperación cóntase coas Unidades de Coidados Intensivos de Lobos Mariños de Ferrol e de Nigrán. No momento de ser recollido pesou 24,5 kg, neste momento supera os 30 kg.

 

‘Celeiro’ foi ingresado para recuperación en medio artificial controlado, na Unidade de Coidados Intensivos de Lobos Mariños de Ferrol, situada nas instalacións da Seccións de Mamíferos Mariños da Sociedade Galega de Historia Natural, entidade integrada na CEMMA. O exemplar presentaba un cadro de grande esgotamento, ademais de feridas na boca e costado, posiblemente causadas por un palangre.

 

A previsión inicial foi o mantemento na primeira fase da recuperación, alí o lobo mariño foi tratado preventivamente para eliminar parasitos e outras patoloxías crónicas de baixa intensidade, sobre todo pulmonares ás que os lobiños son moi vulnerables, comezou a alimentarse por si mesmo e a gañar peso. Posteriormente pasou á segunda fase nunha piscina de 13 mil litros na mesma instalación onde realizou exercicio e adestrou a alimentación en mergullo.

 

LIBERACIÓN
Para a liberación de ‘Celeiro’ contarase coa participación do barco “RODRIGUEZ PARAPAR”, a súa tripulación será a encargada de levar ao lobo mariño a mar aberto e de liberalo na zona do Grand Solé. O luns día 23 ás 10:30 h, sairá o barco dende o Porto de Celeiro, peirao sur lonxa nova, con este peculiar pasaxeiro a bordo. A liberación terá lugar 48 horas despois nas augas internacionais do Grand Solé, ao sur de Irlanda.

 

NESTE INVERNO
A tempada de lobos mariños deste ano foi especialmente tempraneira xa que, onde nos anos anteriores os exemplares comezaban a aparecer co novo ano, desta volta empezaron a aparecer a principios de decembro. Lamentablemente un exemplar que non foi recollido non sobreviviu. Primeiro foi recollido un lobo mariño en Fisterra, que foi rehabilitado e xa liberado nas augas do norte de Europa, posteriormente foi recollido CELEIRO e logo foron rexistrados dous casos máis en Burela e A Coruña que non precisaron ser recollidos.

 

REDE DE VARAMENTOS

 

Baixo a denominación de Rede de Varamentos de Galicia lévanse a cabo labores de asistencia á fauna mariña ameazada. A CEMMA é a entidade que coordina a Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Conservación da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.

 

AGRADECEMENTOS
A CEMMA quere agradecer a todas as entidades e persoas que participaron na recuperación e liberación deste animal: Protección Civil, voluntariado da CEMMA, Armador e tripulación dos barcos: RODRIGUEZ PARAPAR, ANXUELA. Empresa SEAGOOD CELEIRO SA.

Fotos: Cortesía de CEMMA-SGHN.

Print Friendly
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada