Galicia reduciu a súa débeda 219 millóns no segundo trimestre e xa é cuarta comunidade menos endebedada

Calculator and pencilA Xunta de Galicia reduciu a súa debéda pública 219 millóns de euros no segundo trimestre do ano, e consolídase entre as comunidades autónomas con menor endebedamento de toda España, ao pechar o trimestre como a cuarta comunidade con menor endebedamento, segundo os últimos datos estatísticos publicados hoxe polo Banco de España.

Ao peche do segundo trimestre do ano, a ratio de débeda/PIB de Galicia baixou medio punto respecto ao trimestre anterior ata situarse no 19,2%. Pola contra, a media autonómica aumentou tres décimas no mesmo período e ascende ata o 25,1%.

Isto supón que o diferencial positivo de Galicia respecto á media autonómica aumenta ata case os seis puntos, cando en 2008 este indicador estaba igualado á media. En todo caso, Galicia xa é neste momento a cuarta comunidade autónoma –a terceira de réxime común- con menor endebedamento.

En importes absolutos, a débeda das comunidades autónomas situouse ao peche do segundo trimestre en 285.907 millóns de euros, o 3,97% deste importe -11.363 millóns- na comunidade galega. Ademais, Galicia é a única comunidade que reduciu a súa débeda no segundo trimestre respecto ao trimestre anterior.

O obxectivo da Xunta de Galicia é seguir reducindo a súa ratio de débeda ata o peche deste ano 2017. De feito, os datos do Banco de España mostran que a débeda da Administración galega está totalmente estabilizada dende finais do exercicio 2014, e a previsión da Xunta é que neste 2017 non aumente o seu endebedamento.

Líder en control da débeda dende 2009
Galicia é a comunidade autónoma de referencia no control da débeda pública dende o ano 2009, tal como mostran os datos do organismo supervisor. No período 2009-2016 Galicia foi a comunidade que menos aumentou o seu volume de débeda, cun ritmo de incremento anual do 17,6%, mentres que na media autonómica este indicador situouse no 28,5% e nalgunhas comunidades superou o 40% anual.

O control da débeda pública é unha das bases do modelo de crecemento san que defende a Xunta de Galicia, e é froito da progresiva redución do déficit que vén acadando o Goberno galego nos últimos anos. Este mellor comportamento respecto á media autonómica permitiu a Galicia evitar a emisión duns 3.000 millóns de euros de débeda pública, cun aforro anual en xuros da débeda duns 85 millóns.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada