XII Xornadas FEGATEA-FETTA (Festival Transfronteirizo de Teatro Amador), en Sada

Roberto Pascual, profesor da ESAD: “O teatro afeccionado cumpre una función de difusión, de animación teatral e de captación de novos espectadores”

“Os grupos de teatro amador que aínda non están unidos a FEGATEA que o fagan porque xuntos somos máis fortes”, afirma Pampillón

IMG_5519

Un fragmento da foto de familia de FEGATEA trala clausura das XII Xornadas en Sada.

Para Roberto Pascual, profesor da Escola Superior de Arte Dramática, ESAD, e representante da Asociación de Festivais, AFEARTE, o teatro profesional e o amador non deben ser “departamentos estancos” nun sistema integral das artes escénicas. O que si teñen ambos son “necesidades distintas. O teatro profesional ten unha necesidade prioritaria que é que todas as profesións vinculadas ás artes escénicas poidan desenvolverse con normalidade e que todos os seus profesionais poidan vivir da súa profesión con dignidade”.

O teatro afeccionado viviu uns días de encontro durante as XII Xornadas FEGATEA-FETTA (Festival Transfronteirizo de Teatro Amador) en Sada, durante esta fin de semana, dende o venres 29 ata o domingo 1 de outubro.

Mesas de traballo coma esta, sobre ‘o futuro do teatro amador’, suscitaron intercambio de opinións e discusións sobre o que ten que ser o teatro amador.

O teatro afeccionado, afirmou Pascual, ten outras necesidades xa que esas persoas non teñen por profesión a arte escénica. “Pero cumpren unha misión importante se temos en conta unha visión integral do teatro. Polo tanto deben estar moi relacionados o teatro profesional e o amador”, precisou.

Engadiu, ademais, que o teatro afeccionado cumpre unha función “de difusión, de animación teatral e de captación de novos espectadores. (…) O teatro amador traballa moi ben a rede de experiencias que o teatro profesional ha de ter por importante, o público”.

Deste xeito, Pascual sintetiza que “tendo necesidades distintas e sendo de ámbitos dispares, cómpre que estean necesariamente ligados”. E pon como exemplo a comisión creada para o anteproxecto de Lei de Artes Escénicas de Galicia onde o teatro afeccionado ten moito que dicir… no só no seu ámbito, senón noutros como a difusión e  a comunicación das artes escénicas.

Doutra parte, José León defendeu que o futuro da FEGATEA pasa por aglutinar movementos emerxentes de teatro amador e por traballar nas liñas sociais e de inclusión. “O teatro amador é a expresión non profesionalizada do teatro pero necesaria para que exista un teatro de calidade en Galicia”, afirmou León.

O teatro como terapia tamén se tratou nesta xornadas. “As técnicas teatrais melloran a relación psicosocial de enfermos con trastornos mentais graves”, afirmou Paula Suárez, enfermeira especialista en saúde mental, actriz afeccionada e secretaria de FEGATEA. Suárez planteou a utilización do teatro sempre baixo a supervisión de profesionais terapeutas.

A socióloga Silvia Pérez Freire expuxo que o teatro é un espello da realidade na que vivimos así como un poderoso axente socializador “porque dende a arte da representación comunica sentimentos dunha maneira entretida, imaxinativa e tamén didáctica. O teatro amador polo seu impacto nos grupos sociais, pola súa democratización da arte escénica levada aos recunchos do noso país é unha ferramenta pedagóxica poderosísima para a deconstrución dos estereotipos de xénero cos que convivimos con naturalidade e sen maiores cuestionamentos”. Para Pérez Freire “estas crenzas e xuízos de valor diferenciais nos sexos é o xerme da violencia de xénero e o teatro é un  escenario idóneo para desmontalos”.

A presidenta da FEGATEA, Chelo Pampillón, pola súa parte, manifestou que os grupos de teatro amador que aínda non están unidos a FEGATEA, o fagan porque xuntos somos máis fortes”. Pampillón anima a que os 54 grupos que integran a FEGATEA se involucren máis en todas actividades que a Federación organiza ao longo do ano. E agradeceu a colaboración do público, “sen o que resultaría imposible facer teatro”, e da colaboración das institucións así como da empresa privada nos circuítos teatrais e actividades programadas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1