Galicia pecha setembro con 10.279 parados menos que hai un ano

Con máis contratación indefinida superando en 13 puntos á temporal

FaurenciaA secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, valorou hoxe os datos do paro rexistrado, que no último ano baixou en 10.279 persoas, é dicir, un 5,29% menos que en setembro de 2016. En palabras de Toca, Galicia continúa “cunha boa evolución cara á creación de emprego de calidade, explicando que o desemprego leva baixando no mes de setembro 4 anos consecutivos, un período no que 1 de cada 3 parados abandonaron as listas, e sinalando que a contratación tamén crece.

No último ano, nun 2,75%, de xeito xeral, subindo a indefinida nun 15,22%, unha cifra que supera en máis de 13 puntos o reflectido na temporal e en máis de 2,5 puntos o crecemento do Estado. A contratación a tempo completo tamén medra, nun 4,55%, superando tamén aos contratos a tempo parcial.

En canto ás afiliacións seguen subindo na Comunidade, nun 1,99% con respecto a setembro de 2016, 19.373 afiliacións máis, o que supón o segundo maior incremento producido nun mes de setembro desde o inicio da crise económica. Galicia xa encadea tres anos e medio cunha interanual positiva nas afiliacións, rematando setembro cunha cifra superior á de hai 6 anos (setembro de 2011).

Deste xeito, a secretaria xeral de Emprego indicou que a tendencia en Galicia é positiva recordando que todos os indicadores económicos están en verde desde hai 3 anos. Neste senso, sinalou a importancia do emprego industrial, xa que é un sector que marca nunha tendencia estable no crecemento da economía e, polo tanto, é, segundo subliñou, un eido prioritario nas políticas económicas da Xunta. Expuxo que o desemprego neste eido baixou no último ano nun 9,66% e que foi o sector que creou máis emprego no último ano, multiplicando case por seis o ritmo de subida de ocupación no conxunto da economía.

Toca, así mesmo, apuntou que o Goberno galego segue traballando para mellorar as cifras de creación de emprego, apuntando que a subida do paro na evolución mensual, nun 1,62%, é estacional, tras 7 meses de baixadas consecutivas no paro.

“Cando falamos de emprego tempos que facelo con certa perspectiva, avaliando períodos de tempo máis longos e vendo cal é a tendencia, que en Galicia é positiva”, engadiu. A Comunidade Autónoma sitúase a niveis de paro inferiores aos de hai 8 anos, sumando xa preto de 4 anos de baixadas consecutivas, desde novembro de 2013.

En definitiva, a secretaria xeral de Emprego afirmou que o mercado laboral segue mellorando en Galicia co desenvolvemento da Axenda 20 coa que o Goberno galego impulsa o emprego estable e de calidade ou a través da Estratexia Autónomo 2020 coa que favorece o traballo por conta allea. Neste último aspecto, recordou que no último mes activáronse medidas como o Bono Autónomo ou a ampliación da tarifa plana.

PRINCIPAIS VARIABLES EN DESCENSO

O paro, na evolución anual, segue caendo un mes máis nas principais variables: nas catro provincias, as sete grandes cidades, en todos os sectores de actividade económica e nos colectivos prioritarios cos que traballa a Xunta.

Con respecto ás provincias, na evolución anual A Coruña lidera o descenso cun 5,96% menos de paro seguida de Pontevedra cun -5,45%, de Lugo cun -5,40% e Ourense cun -2,13%. En canto aos sectores de actividade, a construción é onde máis baixa cun -17,94%, seguido da industria cun -9,66% e dos servizos cun -3,23%. Nos menores de 30 anos descende nun -2,66%, nas mulleres nun -2,92% e nos parados de longa duración nun -7,77%. Con respecto a este último colectivo, Toca sinalou que 7 de cada 10 persoas que saíron do desemprego no últimos 12 meses eran parados de longa duración.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada