A industria transformadora de produtos pesqueiros beneficiouse de máis de 260 millóns de euros para modernizar as súas instalacións nos últimos oito anos

A conselleira do Mar e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria participaron na inauguración da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar.

A conselleira do Mar e o conselleiro de Economía, Emprego e Industria participaron na inauguración da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou hoxe en Vigo o apoio da Xunta ao sector transformador de produtos do mar. Unha aposta que nos últimos oito anos se materializou nos máis de 260 millóns de euros que destinou a Administración autonómica á modernización deste sector e a adecualo ás demandas de mercado e dos consumidores.

Así o sinalou durante a inauguración da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados Conxemar, onde tamén estivo o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Alí a conselleira tamén salientou a fortaleza que foi gañando o sector transformador “dentro e fóra das nosas fronteiras” e que converte “á nosa comunidade autónoma na de maior relevancia a nivel nacional neste eido”. Así, segundo lembrou a titular de Mar, o 36% das empresas están ubicadas en Galicia, onde tamén se xera o 50% de volume de facturación e o 47% dos postos de traballo, engadiu.

De aí, subliñou, a importancia de focalizar os esforzos “en seguir apoiando o avance das nosas empresas co obxectivo de manter as súas posicións nos mercados tradicionais e acceder a novos mercados con garantía de éxito”. Con este fin a Xunta vén apostando e aposta por Conxemar debido ao seu potencial no campo da internacionalización e a competitividade, explicou. Así, o ano pasado esta feira obtivo cifras récord de participación e visitantes con máis de 30.000 profesionais de 106 países que contribuíron a xerar un volume de negocio estimado de 1.800 millóns de euros.

De feito, explicou a conselleira, a Xunta colabora con esta feira desde o seus inicios ata agora. Faino coa súa presenza a través dun posto institucional da Consellería do Mar no que se mostran aos asistentes as campañas de promoción de produtos do mar de Galicia como Faino Bonito, PescadeRías de onde se non?, O noso mar marca, O sabor da aventura está no mar e Ponlle as pilas ao teu bocata.

Rosa Quintana lembrou que o 36% das empresas deste sector están en Galicia, onde tamén se xera o 50% de volume de facturación e o 47% dos postos de traballo a nivel nacional

Tamén como axente económico, xa que desde o ano 2002 as Consellerías de Economía, Emprego e Industria e do Mar realizaron unha aportación global de máis de 2,1 millóns de euros para a realización dos seus fins e actividades. Ademais, engadiu, este apoio da Xunta tamén se traduce na ampliación do recinto feiral que a alberga, o Ifevi. Por iso se aprobou en xuño a súa ampliación en 5.000 m2, o que suporá preto de 4 millóns de euros destinados a incrementar a competitividade do recinto e a consolidar a celebración de eventos de referencia a nivel internacional como Conxemar e Navalia. Deste xeito, dáse continuidade ao investimento da Xunta no recinto nos últimos anos, alcanzando xa preto de 15 millóns de euros.

En relación á asociación Conxemar, que dá vida á feira, Rosa Quintana, agradeceu e recoñeceu o seu labor como “artífice de que a día de hoxe estea en Galicia unha alta representación de todos os elos da cadea industrial do conxelado”. Unha organización que traballa para ser piar de unión dos seus intereses e, en particular, dos de Galicia, xa que o 42% do seu tecido asociativo é galego.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
2