XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite afondarán no tratamento nas explotacions do gando

 Jaume Lloveras, enxeñeiro agrónomo de dilatada experiencia, vai ser primeiro invitado ás Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, que se celebrarán os días 9 e 10 de novembro no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo. Lloveras falará sobre a fertilización nitroxenada do millo para mellorar os rendementos produtivos do cultivo.

As outras dúas conferencias previstas para a mañá do xoves poñerán o foco no estrés. Javier Liste, veterinario de Seragro, amosará na súa presentación, que titulou “Amodiño… ó ritmo da vaca”, como interaccionar cos animais e como estes perciben o estrés. Deseguido Arturo Gómez, asesor de explotacións en Asia, África e Europa, falaranos de estrés por calor e calidade do aire nas nosas explotacións.

Tamén o xoves Francisco Sebastián, veterinario e asesor de explotacións no Levante, compartirá a súa experiencia na contratación e formación do cadro de persoal e a organización de tarefas nas granxas.

Tres explotacións de prestixio da nosa comunidade rematarán a primeira xornada cunha posta en común das súas historias, nas que a asociación, xunto co relevo xeracional, marcaron o presente das súas granxas.

Na maña do venres, o profesor da Universidade Estatal de Dakota do Sur (EEUU), Álvaro García, ensinaranos como facer máis rendibles as nosas granxas dende a xestión da alimentación, o maior custo da explotación.

A continuación, o técnico de Seragro Juan Gómez, especialista en reprodución, amosará como os datos extraídos do traballo reprodutivo poden axudarnos a planificar, xestionar e mellorar os rendementos dos establos.

A última hora da mañá, Miguel Ángel Riesgo, presidente do FEGA, explicará as modificacións que presenta a PAC 2018 e a postura que defende España na revisión que está a facer a Comisión Europea; así mesmo responderá todas as dúbidas que puideran xurdir.

Rogelio Grille, veterinario de Seragro e  xerente do centro de recría Ganxabar; Carolina Tejero, durante anos responsable técnica do Rancho Las Nieves de Zaragoza, o maior centro de recría de España, e Francisco Sebastián debaterán nunha mesa redonda, aberta ás preguntas do público, sobre cal é o mellor xeito de sacar adiante as futuras produtoras das nosas granxas. Cada un achegará a súa experiencia, non sempre coincidente.

Coma sempre, a asistencia é libre e gratuíta e non se require inscrición previa, polo que o rexistro e a entrega de material se realizarán in situ os propios días do evento.

 

Programa_XV_Xornadas_Tecnicas_Seragro_2017

 

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada