O complexo medio ambiental de Sogama terá capacidade para tratar en 2019 un millón de toneladas de residuos urbanos

Sogama

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, estivo esta mañá en Sogama para ver ‘in situ’ o inicio das obras de ampliación desta instalacións, que ao seu remate incrementará a súa capacidade de tratamento nun 81%.

O complexo medio ambiental de Sogama en Cerceda tratará en 2019 un millón de toneladas de residuos urbanos. Así o puxo de manifesto esta mañá a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante o inicio das obras de ampliación do complexo medio ambiental, cuxo orzamento é de máis de 29 millóns de euros.

As obras consistirán na construción dunha nova planta, para a recuperación dos envases contidos no lixo en masa, e na remodelación da actual nave de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible; polo que ao seu termo, Sogama pasará a tratar un millón de toneladas, incrementando nun 81% a súa capacidade ou o que é o mesmo, tratará en condicións óptimas todos os residuos urbanos producidos en Galicia.

Tal e como manifestou a conselleira, tamén se contribuirá ao reciclado e a aumentar as cifras de clasificación de envases recollidos a través dos contedores amarelos, para a súa posterior recuperación, que desde 1999 se elevan a 284.000 toneladas; aos que hai que engadir os recuperados na bolsa negra (material susceptible de ser reciclado e que non foi seleccionado polo cidadán) que suman 164.000 toneladas. Engadiu que coa ampliación prevese a remisión de 120.000 toneladas de materiais aos centros de reciclaxe, catro veces máis do que se envía na actualidade.

Deste xeito, sinalou, darase resposta ao obxectivo da Unión Europea para o conxunto dos Estados membros fixado para o horizonte do ano 2020: acadar unha cota de reciclaxe do 50%; e tamén acadarse un reto fixado polo departamento que dirixe, “reducir o uso do vertedoiro a mínimos, pretendendo chegar ao vertido técnico cero”.

A conselleira de Medio Ambiente tamén destacou outro dos obxectivos desta ampliación é dar o salto definitivo á economía circular. Recordou que dos tres sistemas de tratamento de lixo que existen en Galicia, o modelo Sogama -ao que están adheridos voluntariamente un 94% dos concellos galegos- é o que menos residuos envía ao vertedoiro.

Así, avanzarase no camiño de poñer en valor todos os refugalos que se atopan baixo a xestión de Sogama, é dicir, “converter os residuos en recursos”, abandonando o sistema lineal de fabricar-usar-tirar, unha tarefa na que é necesario o compromiso e a colaboración non só das administracións e dos case 1.000 traballadores (directos e indirectos de Sogama), senón non miles de galegos, co fin de garantir a sustentabilidade actual e o futuro da Comunidade.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada