Celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Compostela, do 12 ao 14 de novembro

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, prepárase para abrir as súas portas

Peregrino botasA segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, segue a dar pasos para a súa celebración entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro. Á cita no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela están a sumarse expositores profesionais e institucionais de distintos puntos. Xa contrataron o seu espazo axencia de viaxes, firmas de transporte, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvemento de software, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías ou saúde para o peregrino.

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, contará cun congreso aberto; feira de expositores; e workshop de reunións con turoperadores internacionais

O abano de firmas que xa contrataron o seu espazo na feira profesional é diverso de abondo e nel están empresas de distintos sectores como: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvemento de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

Tamén estarán presentes os departamentos de turismo de distintas comunidades autónomas como Aragón, Asturias, Cantabria, Euskadi, La Rioja ou Navarra; deputacións como as da Coruña e Pontevedra; e agrupacións de concellos como os da Costa da Morte, a mancomunidade galega de concellos do Camiño Francés; concellos do Camiño Inglés e máis do Camiño Portugués; ou Trabada e Mondoñedo, como representantes do Camiño Primitivo.

Tampouco ha faltar no evento o posto fornecido polo goberno da prefectura de Wakayama (Xapón), sede do Camiño Kumano Kodo, vieiro de peregrinación con características similares ao de Santiago.  E Portugal acudirá con cámaras municipais como a de Barcelos.

Amais da presenza en feira, o calado internacional de FairWay, Forum do Camiño de Santiago, fica claro coa presenza máis de 30 turoperadores de 14 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers están á procura de empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos. No workshop atoparanse con expositores e outras empresas nunhas reunións de traballo de carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito que un grupo duns 15 xornalistas e comunicadores especializados, os hosted buyers realizarán distintas viaxes de familiarización, nos que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.

OBXECTIVOS

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, quere ser un espazo que aborda o fenómeno do Camiño en toda a súa variedade.

Despois do éxito da primeira cita, celebrada en 2015, os seus organizadores aspiran a referendar o seu papel como punto de encontro dos profesionais que traballan ao redor destas rutas. Para iso contará cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán mostrar os seus recursos e servizos; e un workshop que propiciará reunións de intercambio comercial con destacados turoperadores internacionais.

Os organizadores queren reforzar nesta ocasión o papel das rutas que están en auxe, e para iso prestan no seu proxecto unha atención especial aos atractivos e problemáticas dos outros camiños distintos do Francés.

De xeito paralelo a Fairway, Forum do Camiño de Santiago, terá lugar unha serie de actividades de dinamización na capital galega, denominadas Fairway City.

PRIMEIRA EDICIÓN

O primeiro Fairway, Forum do Camiño de Santiago desenvolveuse no 2015 e contou, no seu   congreso, con 50 relatores de alto nivel; 50 expositores na feira; e máis de 100 empresas implicadas.

Durante as súas xornadas, realizáronse 1.200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais.

DESDE SECTOR PRIVADO

Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Conta co patrocinio principal de Correos, a colaboración institucional da Deputación da Coruña e o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada