Galicia disporá 9.487 millóns dos orzamentos para o ano 2018

Un hombre pide limosna en una calle del centro de Ourense.

Un hombre pide limosna en una calle del centro de Ourense.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación no Consello da Xunta do Proxecto de lei de orzamentos para o ano 2018, que farán que Galicia dispoña por terceiro ano consecutivo dunhas contas expansivas, 9.487 millóns de euros que permitirán máis gasto social, máis investimento produtivo, menos impostos e menos débeda.

Durante a rolda de prensa, Feijóo incidiu en que grazas á estabilidade política, Galicia é a única comunidade que ten garantido que terá as súas contas aprobadas en tempo e forma, cun orzamento que medra un 2,9%, 266 millóns máis que este ano –cifra á que hai que sumarlle 65 millóns polo aforro nos xuros da débeda- e 1.100 millóns de euros máis que en 2015, esgotando o teito de gasto aprobado no verán.

Así mesmo, afirmou que estes orzamentos teñen como obxectivo consolidar e reforzar a recuperación económica dos últimos anos coa previsión para o vindeiro ano de seguir crecendo conforme ao Plan Estratéxico ata 2020, cun crecemento estimado do 2,5%. Unha previsión prudente, ante a incerteza que supón a situación política e económica de Cataluña e os efectos que poida ter sobre Galicia.

Segundo sinalou, a prioridade é que o crecemento económico chegue a todas as familias e a todos os fogares, apostando por un crecemento san, equitativo, inclusivo e integrador.

Un crecemento con menos déficit e débeda e con máis exportacións e emprego
Ao longo da súa intervención, Feijóo confirmou que, en 2018, a Comunidade estará practicamente nunha situación de equilibrio fiscal, posto que o endebedamento neto será xa moi baixo, 190 millóns de euros. Do mesmo xeito, baixarase a ratio débeda PIB, tendencia que se consolidará nos seguintes anos.

No eido das exportacións, afirmou que, se Galicia bate ano a ano o seu récord de exportacións e este ano vai camiño tamén de superalo, en 2018 a previsión é que as exportacións seguirán aumentando a maior ritmo, ao 5,7%.

E, sobre o emprego, aseverou que Galicia está na senda de xerar entre 80.000 e 100.000 novos empregos ata o ano 2020. Unha evolución que permitirá reducir a taxa de paro ata o 14,2% coa previsión de crear 17.500 empregos.

En relación ao capítulo de ingresos, o presidente da Xunta resaltou que en 2018, Galicia continuará coa súa política de baixar impostos. Así, manteranse todas as rebaixas fiscais xa en vigor: 62.000 galegos recibiron unha herdanza o ano pasado e non pagaron imposto sobre sucesións; e outros 8.000 beneficiáronse dos impostos cero no rural.

E poñeranse en marcha novas baixadas de impostos: deducións fiscais para as persoas que invistan en terras e bens rústicos desaproveitados; deducións para as persoas que invistan nunha Sociedade de Xestión Forestal; novas deducións para as persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou en actividade económicas neles; eliminación do Imposto de Actos Xurídicos Documentados para os que merquen solo industrial das administracións.

Por capítulos de gasto, e en relación aos gastos de persoal, Feijóo destacou unha reserva de crédito de ata o 2% para asumir o incremento retributivo que poida fixar o Estado para os empregados públicos cando aprobe o seu orzamento.

Outro punto a resaltar nas contas de 2018 é o forte incremento dos investimentos, cun incremento do 6,6% nos capítulos 6 e 7. Trátase do maior esforzo investidor desde antes da crise económica, con máis de 1.500 millóns de euros para investimentos. O único capítulo de gasto que baixa é o de xuros da débeda, cun aforro de 65 millóns de euros.

Impulso das políticas sociais

O impulso das políticas sociais será de novo outra prioridade, co obxectivo de acadar un crecemento para todos. Deste xeito, seguirase reforzando o gasto social e, por iso, nestas contas destinaranse 202 millóns de euros máis a gasto social.

Ao respecto, dedicaranse 369 millóns á dependencia para chegar a atender a 60.000 persoas; no eido das familias, abriranse novas escolas infantís en Ourense, Santiago, Lugo, Mos e A Estrada; estenderase a Tarxeta Benvida ata os 3 anos para familias con rendas baixas; e fomentarase a integración das persoas en risco de exclusión social, reforzando a partida da RISGA.

No eido sanitario, contaranse con 129 millóns máis para reforzar unha sanidade pública e de calidade: con novas infraestruturas en Ferrol, Pontevedra e Lugo; con recursos para ampliar o CHUS e a nova Facultade de Medicina, e para o Plan Director de Ourense; impulsando obras e equipamentos na EOXI da Coruña; e cunha aposta por unha mellor atención sanitaria, con máis de 300 novas prazas de profesionais sanitarios e coa extensión do programa de detección precoz do cancro de colon e recto para os cidadáns de 50 a 69 anos.

En canto ao eido educativo, os Orzamentos para 2018 disporán de recursos para camiñar cara a un ensino óptimo: coa mellora dos centros educativos; coa modernización do ensino, mantendo a aposta polo plurilingüismo e a introdución de novas tecnoloxías; e reforzando o compromiso co ensino superior -dedicando ás universidades 421 millóns, 46 millóns máis nos últimos tres anos-.

Co obxectivo de crear en 2018 arredor de 17.500 novos postos de traballo, Feijóo destacou unha achega de 246 millóns para a promoción do emprego, cun aumento do 9,6% máis para escolas obradoiro. Con máis recursos para o fomento da empregabilidade, atención ás persoas desempregadas de longa duración, as actuacións de apoio aos autónomos ou o fomento do emprego no rural, entre outras áreas

No eido da innovación, redobrarase a aposta pola competitividade, incrementando máis dun 21% os recursos para a innovación. E, para preparar un evento clave como é o Ano Santo 2021, seguiranse ampliando as partidas destinadas a Turismo.

O responsable do Executivo autonómico salientou que en 2018 seguirase mantendo o compromiso co medio rural. E, para iso aumentaranse en 3,7 millóns de euros os recursos para potenciais investimentos directos nos montes; destinaranse 27 millóns en investimento para explotacións agrarias; e case 24 millóns para a comercialización do produtos agrarios, un 13,3% máis. E no eido marítimo, apostarase por un forte impulso á transformación dos produtos da pesca e da acuicultura e tamén aos investimentos en infraestruturas portuarias.

En canto ás infraestruturas, poñeranse en marcha novos proxectos e impulsaranse outros xa iniciados: reforzarase a mobilidade, iniciando as obras nas estacións de Santiago, Ourense e Vigo e avanzando nas obras das outras catro cidades galegas. Impulsaranse os grandes eixes de comunicacións nas 4 provincias, como a Autovía do Morrazo, a Variante de Aradas, a Vía Ártabra, a conexión de San Cibrao das Viñas coa A-52 ou o desdobramento de Nadela-Sarria. E contarase con máis recursos para a construción de vivenda protexida e a rehabilitación de inmobles, cunha dotación de 32 millóns de euros.

Tamén se impulsarán os espazos de atención aos cidadáns, espazos públicos que cumpren unha importante función e que terán compromisos concretos neste Orzamento, como o espazo público Amizar, na Coruña; o Edificio Administrativo Benito Corbal; o novo Barrio da Residencia de Lugo; o Edificio xudicial de Vigo e remate do de Pontevedra; o campus do Mar na ETEA, en Vigo; o edificio Concepción Arenal en Ourense; o Edificio Xacobeo e á mellora eficiencia enerxética de San Caetano.

Ademais, no eido local a Xunta incrementará de novo o financiamento das administración locais ata acadar en total os 137,1 millóns, cun incremento do 3,5%, por riba da media dos orzamentos. Destinaranse 6,2 millóns para compensar os gastos de mantemento de centros de saúde de titularidade municipal e para a comarcalización dos parques de bombeiros. Tamén se manterá o fondo para o impulso das fusións municipais de carácter voluntario.

Por último, os Orzamentos para 2018 volverán reflectir o compromiso do Goberno galego coa mellora das condicións de traballo dos empregados públicos. Con este obxectivo, ofertaranse 14.750 prazas nos vindeiros tres anos, a través dun plan de estabilidade pactado onte con tres dos catro sindicatos da mesa xeral de Función Pública, que se abrirá aos sindicatos de Educación, Sanidade e Xustiza.

Esta ampla oferta de prazas permitirá situar a taxa de temporalidade do emprego público no entorno do 7%, é dicir, en termos de práctica estabilidade.

Polo tanto, o Consello da Xunta deu luz verde a uns Orzamentos que permitirán ter 331 millóns de euros máis que compatibilizan o reforzo continuo do gasto social coa maior aposta investidora desde antes da crise económica; que seguen reducindo o déficit e o gasto en débeda; que consolidan un crecemento integrador; que inclúen novas rebaixas de impostos, máis axudas para ás familias, máis apoios para os autónomos e máis recursos para dependencia, a Sanidade e a Educación públicas. E que manteñen como prioridade a creación de emprego de calidade. En definitiva, uns Orzamentos que apostan por un crecemento en estabilidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, resaltou que un ano máis Galicia é unha das primeiras comunidades autónomas que presenta os seus Orzamentos, unhas contas que en 2018 terán como prioridade consolidar e reforzar a recuperación económica para que esta chegue o antes posible a todos os fogares.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada