Un poeta chinés e un coruñés atravesados pola lingua portuguesa inauguran o noveno ano de Poetas Di(n)versos

O poeta chinés Hu Xudong.

O poeta chinés Hu Xudong.

Volve o ciclo de poesía da Concellaría de Cultura da Coruña por noveno ano consecutivo a encher de citas literarias o Auditorio do Centro Ágora. Faino por todo o alto cun primeiro trimestre flamante de recitais poéticos dobres que volven xuntar unha importante voz en galego a carón doutra estranxeira, a razón dunha vez por mes. Así se enceta unha nova xeira de POETAS DI(N)VERSOS, Premio da Crítica Galicia á Mellor Iniciativa Cultural 2014.

Os encargados de inaugurar tan esixente programa cultural veñen esta vez da propia Coruña e mais da China. Con todo, tanto Mário J. Herrero como Hu Xudong viven atravesados pola lingua portuguesa, o idioma co que ambos os dous traballan: como tradutor xuramentado o primeiro e como profesor da Universidade de Pequín o segundo. Ecos tanto urbanos coma carnais resoan nas poéticas destes dous doutores alén de escritores multipremiados.

Mário J. Herrero.

Mário J. Herrero.

Coruñés do 68, Mário J. Herrero é un poeta aberto ao universo lusófono, tamén a través da opción reintegracionista coa que a súa escrita leva anos comprometida. Tradutor profesional, sociolingüista e poeta, é autor de seis poemarios polos que ten recibido galardóns como o Espiral Maior, o Premio O Figurante, o de poesía erótica Illas Sisargas ou o Glória de Sant’Anna 2015. É ademais académico da Academia galega da Língua Portuguesa e ten publicados dous ensaios de sociolingüística alén dunha chea de artigos en revistas galegas e internacionais. Pola súa banda, Hu Xudong constitúe un dos nomes máis anovadores e relevantes da lírica chinesa actual. Nado no 74, é poeta, crítico e tradutor, Master en Literatura Comparada e Doutor en Literatura Chinesa Contemporánea pola Universidade de Pequín, onde traballa. Vicedirector do Núcleo da Cultura Brasileira daquela institución, entre 2003 e 2005 foi profesor visitante na Universidade de Brasilia. Publicou nove libros de poesía, ademais de prosa, ensaios, traducións poéticas e crítica de poesía, polas que acumula hoxe múltiples galardóns, bolsas literarias e participacións en festivais internacionais.

As lecturas poéticas –de aproximadamente unha hora de duración– darán comezo ás 20:30h e terán entrada gratuíta; ofreceranse á venda os libros dos participantes, nos que se poderá levar unha sinatura orixinal. O ciclo dirixido pola poeta e dinamizadora cultural Yolanda Castaño continuará o 20 de novembro con dous pesos pesados da escrita chilena e galega: Raúl Zurita e Méndez Ferrín.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1