Máis de 54.000 persoas teñen solicitada xa a súa cita para vacinarse da gripe na campaña que se inicia mañá

Arredor de 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade están preparados para desenvolver a campaña ata o 29 de decembro.

Arredor de 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade están preparados para desenvolver a campaña ata o 29 de decembro.

A Consellería de Sanidade inicia mañá a campaña de vacinación da gripe 2017 cun total de 560.000 doses. Máis de 54.000 persoas xa solicitaron a súa cita para acodir a vacinarse nos vindeiros días. A campaña durará dez semanas, polo que Sanidade lembra á cidadanía hai tempo suficiente para facela progresivamente. Neste senso, lémbrase á poboación que os vacinados en calquera momento da campaña estarán protexidos cando chegue a onda epidémica.

Do total de 54.047 citas solicitadas estes días, e observando os datos por áreas sanitarias, na de Coruña solicitáronse 12.855 citas para vacinarse da gripe; na de Lugo, 10.467; na de Ourense foron 7.369 citas solicitadas; na de Santiago 4.703; na de Vigo 10.002; outras 4.678 na área de Ferrol; e 3.973 citas solicitadas na área sanitaria de Pontevedra.

A campaña de vacinación antigripal deste ano iníciase este luns 23 de outubro e rematará o 29 de decembro. A Consellería de Sanidade conta con 900 puntos de vacinación repartidos por toda a comunidade: centros de saúde e hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, centros penitenciarios, entre outros.

O principal obxectivo desta campaña é minimizar o impacto en saúde da gripe na poboación galega mediante a súa prevención, tentando diminuír o número e gravidade das complicacións derivadas de padecela. Ofértase a vacinación a todas as persoas con maior risco de padecemento da enfermidade e as súas complicacións: persoas de 60 ou máis anos e persoas menores desa idade pertencentes aos grupos de risco (persoas con patoloxías crónicas cardíacas, respiratorias, renais, endocrinas…, con cancro ou outras inmunodeficiencias, con obesidade mórbida, con disfunción cognitiva…); e a grupos de risco, entre os que se atopan os convivintes das persoas antes mencionadas, o persoal sanitario e traballadores esenciais para a comunidade.

OBXECTIVOS E LOXÍSTICA

Durante este ano 2017, a Consellería de Sanidade ofertará activamente a vacinación fronte a gripe para acadar unha cobertura da poboación en 65 ou máis anos igual ou superior ao 65%, e acadar unha cobertura nos traballadores sanitarios do Sergas superior ao 40%.

Para acadar este obxectivo específico entre a poboación, a Consellería de Sanidade promocionará a partir da cuarta semana a vacinación mediante chamada activa por parte dos profesionais de enfermería de atención primaria á poboación entre 65 e 74 anos; además establécense axendas de citación especial para vacinación

Por outra banda, continúa activa a web temática da campaña, como o principal portal de información para a sociedade e os profesionais, con toda a información técnica e os datos de evolución da campaña.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada