O programa do congreso de Fairway Forum do Camiño de Santiago abordará os seus retos dun xeito multidisciplinar

O domingo 12 haberá unha programación especial para todos os públicos, de acceso libre

Camiños de Santiago.

Camiños de Santiago.

A segunda edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago, celebrarase no Palacio de Congresos e Exposicións de Compostela entre o domingo 12 e o martes 14 de novembro, coa meta de ser o punto de encontro de todos os profesionais e interesados ao redor das súas rutas.

Para acadalo vai contar cun congreso aberto, formado por relatorios e mesas redondas sectoriais; unha feira profesional na que empresas e institucións poderán amosar os seus recursos e servizos; e un workshop que fornecerá reunións de intercambio comercial con máis de 25 turoperadores internacionais.

O congreso, de acceso libre previa inscrición na web www.fairwaysantiago.com , celebrarase o luns 13  e o martes 14, namentres que o domingo 12 o evento contará cunha programación especial para todos os públicos, con actividades para nenos e familias.

PROGRAMA

O luns 13 o congreso iniciarase coa mesa Camiño de Santiago: 30 anos do primeiro itinerario cultural, coa presenza de Segundo L. Pérez López, deán da Catedral de Santiago; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa; e José María Ballester Fernández, ex director de Cultura, Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa.

A continuación, chegará a mesa A xestión pública coordinada do Camiño, é posible? que contará coas intervencións de Joaquín Palacín Eltoro, director general de Ordenación del Territorio del Gobierno de Aragón; Xosé Regueira Varela, deputado de Turismo da Deputación da Coruña; e Marta Lois González, concelleira de Turismo en Santiago de Compostela.

A tarde do luns, o evento programa o relatorio de Alessandro Scafi “On the way of heaven”. Scafi é doutor en Historia Medieval e do Renacemento en The Warburg Institute, da Universidade de Londres.

Para rematar a xornada do luns chegará a presentación de Encamiñando, a cargo de Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega; e de José Manuel Andrade, profesor na Universidade da Coruña e representante da mesma Fundación.

O martes 14 de novembro a primeira sesión tratará sobre Accesibilidade no camiño, coa intervención de Rafael Sánchez Bargiela, xerente do Xacobeo, e máis de Jesús Hernández Galán, director de accesibilidade da ONCE.

A seguinte quenda será para Outros itinerarios culturais: espellos e reflexos, que recollerá experiencias de distintas rutas europeas. En concreto, contará con Simone Pettirossi, asesor do municipio de Asís; Rosário Correia Machado, directora na Rota do Românico portuguesa; Pedro Manuel Monteiro Machado, presidente de Turismo do Centro de Portugal que abordará o caso de Fátima; e Giulia Motta e Andrea Radouan Mounecif, presidenta e vicepresidente, respectivamente, da Via Egnatia

Xa na tarde do martes encararanse os Retos do Camiño: da tradición á contemporaneidade; coas aportacións de Begoña Valdomar, hospitaleira no albergue de Fisterra; ou Mónica Crisóstomo, de Ideas Peregrinas Pilgrim Store.

MESAS DEBATE

Ademais dos relatorios no Congreso, Fairway Forum do Camiño de Santiago preparou unha serie de mesas de debate, nas que os profesionais poderán reflexionar e chegar a conclusións de modo conxunto sobre asuntos fundamentais das rutas a Compostela. Serán as tardes do luns e o martes, dúas mesas cada día.

O luns 13, estas mesas centraranse na Capacidade de carga e capacidade de acollida no Camiño Francés e a Planificación, coordinación e dixitalización: Camiño Inglés. Xa pola tarde do martes 14, na primeira mesa traballarase sobre Investir no Camiño: Camiño Portugués; e, na segunda, Marca Galicia. Marca Camiño: Camiño de Fisterra-Muxía.

Ademais, Fairway conta con Fairway City. Un programa que complementará o evento ofrecendo actividades para os participantes que veñen de fóra e para os propios habitantes da cidade. Contará con música, fotografía, gastronomía, narración oral…

Por outra banda, a tipoloxía de firmas e institucións que contrataron o seu espazo na feira profesional é diversa. Non faltarán: Correos, axencias de viaxes, transporte de viaxeiros, aloxamentos, equipamentos para albergues, agrupacións sectoriais, desenvolvedores de software turístico, centrais de reserva, merchandising e recordos, guías, saúde para o peregrino ou representacións múltiples.

INTERNACIONAL

Fairway contará cunha importante presenza internacional. Así, no congreso abordaranse casos internacionais de peregrinación, haberá expositores de distintas orixes na feira profesional e no workshop tomarán parte 27 turoperadores de 15 países distintos: Colombia, Noruega, Irlanda, Brasil, Uruguai, Portugal, Nova Zelandia, Estados Unidos, Canadá, Arxentina, Reino Unido, Italia, Alemaña e España.

Estes hosted buyers andan á procura de empresas provedoras locais e de distintos puntos das rutas para cubriren a súa demanda de produtos e servizos, polo que os encontros con eles, no denominado workshop,  teñen un carácter marcadamente executivo.

Ademais, e do mesmo xeito ca un grupo de xornalistas especializados, os hosted buyers realizarán distintas viaxes de familiarización, nas que visitarán tramos do Camiño Inglés e do Camiño Portugués.

Memoria da primeira edición de Fairway, Forum do Camiño de Santiago
O primeiro Fairway, Forum do Camiño de Santiago desenvolveuse en 2015 e contou, no  seu congreso, con 50 relatores de alto nivel; 50 expositores en feira; e máis de 100 empresas implicadas.

Ao longo das súas xornadas, realizáronse 1.200 citas de intercambio comercial entre empresas vinculadas ao Camiño de Santiago con máis de 25 turoperadores nacionais e internacionais.

Unha iniciativa desde o sector privado
Fairway, Forum do Camiño de Santiago, naceu da iniciativa privada. Está promovido pola maiorista-minorista Viaxes Viloria; a axencia de marketing Mr Turismo; e Trevisani, empresa de organización de eventos, protocolo e relacións públicas, e comunicación.

Conta co patrocinio principal de Correos, a colaboración institucional da Deputación da Coruña e o apoio de Paradores, Catedral de Santiago, Clúster de Turismo de Galicia e de distintas entidades patrocinadoras e colaboradoras.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada