A Consellería de Cultura e Educación volverá convocar unha ampla oferta de emprego público en 2018

Román Rodríguez deu conta no Parlamento dos orzamentos do seu departamento, que se incrementan ata chegar aos 2.392,7 millóns de euros

Román Rodríguez deu conta no Parlamento dos orzamentos do seu departamento, que se incrementan ata chegar aos 2.392,7 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, anunciou este luns no Parlamento de Galicia que o seu departamento ten previsto convocar no 2018 unha ampla oferta de emprego público para continuar a senda de estabilidade do profesorado nos centros educativos. “Non podemos aínda determinar con exactitude as cifras de oferta – dixo- mais, como nos anos anteriores, o noso compromiso é o de realizala nos termos máis amplos posibles”, explicou. A convocatoria atenderá a dous criterios, unido á taxa de reposición máis elevada posible e dando percorrido ao acordo de estabilidade dos empregados públicos.

Así, a Consellería traballa para definir unha ampla oferta pública de prazas docentes para 8 especialidades do corpo de mestres (Educación Infantil, Inglés, Francés, Educación Física, Música, Pedagoxía Terapéutica, Audición e Linguaxe e Educación Primaria); 15 especialidades en Secundaria (Lingua castelá e Literatura, Xeografía e Historia, Matemáticas, Física e Química, Bioloxía e Xeoloxía, Inglés, Orientación Educativa, Tecnoloxía, Lingua galega e Literatura, Intervención sociocomunitaria, Organización e xestión comercial, Organización e proxectos de sistemas enerxéticos, Procesos diagnósticos clínicos e productos ortoprotésicos, Procesos Sanitarios e Sistemas electrotécnicos e automáticos) e 7 para profesorado técnico de FP (Estética, Instalacións e mantemento de equipos térmicos e de fluídos, Operacións de produción agraria, Procedementos de diagnóstico clínico e ortoprotésico, Procedementos sanitarios e asistencias, Procesos comerciais e Servizos de restauración). Ademais, e como novidade, Galicia convocará o vindeiro ano oposicións para o acceso ao corpo de catedráticos de música e artes escénicas. Así mesmo, prazas para facilitar o paso de funcionarios de secundaria ao corpo de profesores de escolas oficiais de idiomas (na especialidade inglés) e para o acceso desde o corpo de mestres ao corpo de profesores de ensino secundario.

Román Rodríguez compareceu na Comisión 3ª da Cámara galega para dar conta dos orzamentos do departamento que dirixe, que no ano 2018 acadarán os 2392,7 millóns de euros, o que supón un incremento porcentual do 3,34% (77,3 millóns máis) respecto do inicial do ano en curso. En concreto, o incremento destínase en boa medida á area de educación (con 72,2 millóns máis), aínda que en cultura as partidas experimentarán unha medra de máis de 5 millóns de euros.

FORMACIÓN PROFESORADO

O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia sinalou a Dirección Xeral de Educación, FP e Innovación educativa –a que acolle os programas máis novidosos, os plans de formación dos docentes, os programas para loitar contra o abandono escolar, o plurilingüismo e o ensino dixital- como a que máis incrementa o seu orzamento, máis dun 96%.

Deste xeito, duplícase a formación do profesorado en programas de éxito escolar e prevención do abandono, así como en Edudixital, introducindo ademais como novidade partidas para a formación en igualdade en nas escolas de nais e pais; aumenta o Plan de emprendemento nun 33%; nun 57% o apoio á FP Dual e subirán nun 7,5% as axudas para as prácticas da formación profesional en empresas. Asemade, duplicaranse as dotacións que dan cobertura ao material didáctico Edixgal, aos programas e actividades de avaliación e introdúcese como novidade un programa de certificación de competencia lingüística.

RECURSOS HUMANOS

En calquera caso, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos continúa concentrando a meirande parte do orzamento da Consellería, en concreto o 71,4%, xa que é a encargada de dar soporte aos recursos máis valiosos do sistema educativo, o seu capital humano, a cuxas retribucións se destinan máis de 1383 millóns de euros. Este departamento contará ademais con case 2 millóns de euros para apoiar as bibliotecas escolares, 5,5 millóns para a convocatoria de axudas á adquisición de material escolar para as familias que máis o precisan e outros 8,7 millóns para fondo solidario e axudas á compra de libros de texto. Ademais os gastos de funcionamento de centros educativos experimentan un incremento do 3,7%, ata acadar os 61,8 millóns de euros.

Cabe destacar tamén un incremento do 5,9 % no programa de educación especial para facer fronte aos salarios que se dedican dun xeito exclusivo a este colectivo, fundamental para manter o alto nivel de equidade e inclusión educativa.

INFRAESTRUCTURAS Y SERVICIOS COMPLEMENTARIOS

O conselleiro salientou que no 2018 haberá, un ano máis, unha importante partida para obras de construción de novos centros educativos, así como para a súa reforma, ampliación e mellora. En concreto serán 34,7 millóns de euros, un 25% máis. No referido aos investimentos en Infantil e Primaria, destacou o remate do novo CEIP de Culleredo (cunha anualidade prevista de 2,1 millóns), o CEIP de Novo Mesoiro (1,1 millóns de euros), o remate da 2ª fase da ampliación do CEIP Castelao en Navia (Vigo, 1,21 millóns), así como partidas iniciais para os proxectos e primeiros desenvolvementos dos novos CEIPs de Pazos de Rei (Tui) e do novo CEIP de Ames. Ademais, continuará a mellora da eficiencia enerxética que xunto cos fondos de mellora funcional ascenden a 5,2 millóns de euros e que permitirán a intervención nunha nova decena de centros, e haberá importantes partidas de reforma e ampliación no CEIP Lamas de Abade (Santiago, case un millón de euros), na ampliación do CEIP Laverde Ruiz (Outeiro de Rei, medio millón de euros), na ampliación dos aularios de Vedra, na reforma do CEIP de Ortigueira e na ampliación do CEIP de Cabanas.

No que atinxe ao ensino secundario no 2018 rematarase o novo IES de Soutomaior (cunha anualidade de 3,3 millóns), habilitarase unha contía de 2,3 millóns para obras de eficiencia enerxética e mellora funcional nos centros de secundaria e outra de 1,5 millóns para ampliacións de aulas e talleres nos centros onde se imparte FP. Ademais, facendo firme o compromiso anunciado polo presidente no Debate de Estado de Autonomía 2017, introdúcese unha partida para dar cobertura aos traballos previos do Proxecto de Campus FP.

Un ano máis, Galicia contará coa rede de transporte escolar pública máis grande de España, e co servizo máis equitativo de comedor escolar. De feito, a este servizo complementario dedícanse máis de 28 millóns de euros para comedores escolares, aos que se deben engadir os máis de 16 millóns de euros en salarios do persoal que xestiona directamente os comedores ata sumar un total de 44 millóns.

UNIVERSIDADES

Pola súa parte, o orzamento da Secretaría Xeral de Universidades experimentará un incremento do 4,17%, ata chegar a case 417 millóns de euros cos que se dará cobertura, entre outros aspectos, ás previsións de mellora recollidas na evolución do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2016/2020. Neste departamento cómpre salientar un incremento -ata chegar a 35,4 millóns- nas cantidades asignadas ao panel de indicadores, que é o núcleo do financiamento por resultados; así como unha dotación superior a 57 millóns de euros (10% máis) para o programa de Investigación Universitaria.

Ademais, o financiamento estrutural das universidades medrará un 9%, destinaranse case 3,2 millóns de euros a bolsas a estudantes universitarios e máis de 5 millóns de euros destinados aos gastos de reparación, ampliación e mellora das infraestruturas universitarias.

GALEGO

Cómpre salientar, así mesmo, o incremento do orzamento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, en preto dun 15%. Isto permitirá case duplicar -ata os 1,5 millóns- a partida destinada a campañas de dinamización lingüística e continuar traballando, en colaboración estreita coa Dirección Xeral de Xuventude, nun plan que impulse o uso do galego na mocidade; tendo moi en conta o seu contorno familiar, formativo, afectivo e profesional.

Por outra banda fortalecerase a difusión exterior da lingua galega, mantendo as bolsas de lectorado nas universidades do resto do Estado e incrementando nun 8% as contías destinadas aos do exterior; así como poñendo a disposición por primeira vez, en calquera parte do mundo, os Celga 1 e 4 en liña; o que virá universalizar a formación e coñecemento na nosa lingua. Asemade, atenderase un ano máis as transferencias á Real Academia Galega.

PATRIMONIO CULTURAL

Na área de Cultura, Román Rodríguez destacou a suba de case o 16% nas partidas da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, que suman un total de 18 millóns de euros. Ao abeiro deste reforzo poderanse executar actuacións como a restauración das cubertas da catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo (600.000 euros), a musealización de San Martiño de Mondoñedo (200.000 euros), a conservación e posta en valor do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (1,6 millóns), a conservación e posta en valor do Mosteiro de Oseira (800.000 euros), a consolidación do castro de Cidadela (Sobrado, 60.000 euros) ou a rehabilitación do Mosteiro de Santa Catalina de Ares (120.000 euros), entre outras. Así mesmo están previstas intervencións na basílica de Santa María, en Pontevedra (200.000 euros).

Ademais, increméntanse en 100.000 euros as achegas ao Museo do Mar e mantéñense as destinadas ao Museo do Pobo Galego e á Fundación Marco de Vigo.

CULTURA GALEGA

Segundo indicou o conselleiro, a Secretaria Xeral de Cultura incrementa o seu orzamento nun 5,16%, ata chegar a 43,6 millóns, o que permitirá reforzar o apoio a entidades como o Consorcio de Santiago de Compostela -que aumenta a súa dotación en gasto corrente en medio millón de euros- ou o Padroado de Sargadelos (que sobe un 16,7%); ao tempo que se manteñen as mesmas achegas á Fundación Camilo José Cela e á Fundación Pública Cidade da Cultura.

Nesta liña, medra un 27,4% o orzamento a través do que se fomenta a cultura galega de base, nun 58% o destinado a arquivos e nun 33% os investimentos para o fomento das actividades culturais. Cabe destacar tamén a subida das partidas destinadas a exposicións e outras actividades de promoción e difusión cultural , en concreto máis dun 99%.

Impulso das industrias culturais

Xa no que atinxe ao impulso das industrias culturais galegas, o orzamento da Agadic medra un 10,7%, ata superar os 11,5 millóns; o que servirá para manter e reforzar as diferentes liñas de actuación desta axencia.

Así, volverá medrar a dotación da Rede Galega de Teatros e Auditorios e a da nova Rede Galega de Música ao Vivo, e incrementarase o apoio aos principais festivais musicais. Ao mesmo tempo, manteranse a colaboración ao desenvolvemento e á produción do sector audiovisual, as axudas ao talento de novos creadores e o apoio aos festivais audiovisuais; e continuarase apostando pola internacionalización das empresas culturais galegas en diferentes mercados e por eventos como o Conecta Fiction, que chegará a Galicia por segunda vez.

SISTEMA EDUCATIVO

Román Rodríguez destacou finalmente que os Orzamentos 2018 buscan activar os recursos económicos para camiñar cara a un ensino moderno e innovador e para impulsar a relevancia da cultura e da lingua propias de Galicia; tarefas ás que o Goberno galego destina o 22,31% do seu orzamento non financeiro.

Neste sentido, explicou que as contas do ano próximo permiten, ademais de fomentar un bo sistema educativo, que medra en calidade progresivamente e favorece a igualdade de oportunidades en equidade; avanzar nas liñas e estratexias de acción que teñen contribuído a mellorar o noso ensino, dándose cobertura orzamentaria ás estratexias Edulingüe e Edudixital presentadas recentemente.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada