‘Las Merceditas de Iria’, ‘Moito Conto’, ‘Clothes&Co’, establecimientos premiados en el Smart Commerce por la Xunta

Filament2 Print, premio e-Commerce y Blue Popelina, premio Social Commerce

171113 comercio 02x

A propietaria da tenda de moda infantil ‘Las Merceditas de Iria’ de Pontevedra recolle o premio de mans do conselleiro de Industria, Francisco Conde.

Nesta segunda edición, obtivo o premio Smart Commerce Galicia e Smart Commerce Pontevedra a tenda de moda infantil ‘Las Merceditas de Iria’, especializada en moda infantil e que conta tamén con tenda on line. A librería coruñesa ‘Moito Conto’, que incorpora elementos TIC dentro dun espazo tradicional de venda ao público e cunha importante presenza nas redes sociais, fíxose co Smart Commerce A Coruña. E en Ourense resultou galardoado o establecemento de moda ‘Clothes&Co’, que conta con tenda on line e presenza en redes sociais.

Por outra banda, o premio e-Commerce distingue, cunha contía de 1000 euros, ao comercio galego cuxa actividade sexa a venda de produtos a través de internet. Nesta edición, recaeu en Filament2 Print, con sede en Nigrán, dedicada a comercializar materiais para a impresión 3D.

Ademais, a través do premio Social Commerce, cunha dotación de 1000 euros, distínguese ao negocio que amose o mellor aproveitamento das redes sociais para chegar aos seus clientes. Este ano obtén este recoñecemento Blue Popelina, de Betanzos, unha tenda on line que ofrece prendas de vestir e accesorios multimarca, facendo das redes sociais o seu escaparate.

Os galardóns que se entregaron hoxe contan con tres categorías. Así, co premio Smart Commerce, cunha contía de 3.000 euros para o premiado a nivel de Galicia e 1.500 para o escollido en cada provincia, distínguese aos comercios galegos que desenvolven iniciativas innovadoras que supoñen unha clara diferenciación e mellora na fidelización comercial, que activan accións promocionais especiais e que destacan pola utilización das canles on line off line de comunicación e venda.

CONDE

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe na entrega dos premios Smart Commerce 2017 ás iniciativas máis innovadoras do sector que a calidade e a capacidade de adaptación ás tendencias e aos gustos dos consumidores son as claves da competitividade do comercio de proximidade galego.

Na súa intervención, Conde lembrou que o Plan estratéxico de impulso ao comercio de Galicia se fixa tres grandes retos: afianzar un sector comercial renovado; potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua; e impulsar o smart commerce. Con respecto a este último punto, explicou que se trata de establecer un novo modelo de comercio intelixente que sitúe o cliente no centro da súa estratexia, apostando por incrementar a innovación no comercio galego como un dos factores clave para mellorar a súa posición competitiva, impulsando as novas fórmulas de comercialización dos produtos, como o comercio on line, e mellorando o seu deseño e presentación.

O conselleiro apuntou que Internet é unha realidade de presente, subliñando que hoxe en día o cliente ten ao seu alcance os mecanismos para mercar en calquera momento e desde calquera lugar do mundo. Neste sentido, salientou que os comerciantes galegos son plenamente conscientes da necesidade de saber responder a este novo paradigma e ver como un reto o que nun principio podería parecer unha ameaza, sinalando que un terzo das microempresas galegas con conexión á rede posúen páxina web.

Para seguir contribuíndo á competitividade do comercio de proximidade galego, tal e como apuntou Conde, o orzamento destinado ao sector medra en máis dun 10% en 2018, con medidas para apoiar a dixitalización, a innovación e a modernización, fomentando novas fórmulas de comercialización e impulsando os mercados e os espazos comerciais urbanos.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada