A Xunta convoca axudas para o fomento do uso do galego en centros públicos e privados

 Un niño coloca una prenda de vestir en el aula de un colegio público.

Un niño coloca una prenda de vestir en el aula de un colegio público.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, fai públicas hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas convocatorias de axudas para o fomento da lingua galega, unha dirixida a centros de titularidade pública e outra a centros de titularidade privada. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o día 15 de xaneiro de 2018.

Ambas as convocatorias teñen a finalidade de contribuír ao financiamento das actividades que realizan os equipos de dinamización da lingua galega e o profesorado responsable de cada proxecto de fomento do galego durante o curso académico 2017/2018 naqueles centros educativos que imparten ensinanzas regradas de niveis universitarios e que contan con menos de seis unidades.

CRITERIOS

Os equipos ou profesorado responsable da dinamización da lingua galega nos centros educativos que desexen optar a estas axudas deberán presentar un proxecto de actuación de cuxa valoración dependerá fundamentalmente a contía -un máximo de 800 euros- que obterán para desenvolvelo. Terase en conta tamén o número de alumnado con que conte o colexio ou instituto.

Os criterios de valoración dos proxectos avalían o grao de implicación nestes por parte dos distintos membros da comunidade educativa; o nivel de utilización das tecnoloxías da información e da comunicación; o grao de colaboración con outros centros educativos, así como con entidades, institucións e asociacións externas ao colexio ou instituto; a realización de actividades plurianuais e a tipoloxías das actividades propostas.

VALORACIÓN

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz.

O devantido decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o seu uso nos centros educativos.

Coa finalidade de valorar e de apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega, a Secretaría Xeral de Política Lingüística considera necesario seguir a adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos, polo que se convocan estas axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino públicos.

Toda a información no Portal da Lingua Galega: www.lingua.gal.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
1