Rematou a 4ª Festa dos Viños Espumosos da DO Rías Baixas

Salvaterra mira ao enoturismo como atractivo para captar visitantes e dar a coñecer os viños e a cultura vinícola

A Festa para 2018 vaise chamar Feira para poder afondar nalgúns aspectos da cultura do viño

IMG_6994_logo

Os novos confrades (de i. a d.) José Luís Míguez Taboada, Liliana Claro González, José Dopazo Martínez e Francisco Manuel Arenas Rincón.

Concello de Salvaterra xunto coa Confraría do Viño do Condado doTea e Espumosos, Xunta de Galicia e DO Rías Baixas queren centrarse máis na atracción de visitantes á comarca do Condado Paradanta ou o xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño para potenciar o enoturismo.

Así o deixou claro o alcalde salvaterrense, Arturo Grandal,  no acto de nomeamento de novos confrades da Confraría do Viño do Tea e Espumosos ao dirixir unha palabras ao membros da Confraría e adegueiros para que colaboren máis abrindo as portas das adegas tamén as fins de semana, especialmente os domingos. A mesma cousa pediu o Gran Mestre da Confraría, Antonio Alén, de xeito máis xenérico cando pediu: “Que vos envorquedes e non paredes” de traballar neste senso, agora que se cumpren 21 anos de vida desta institución.

Pola súa banda a directora de Turismo de Galicia, María Nava Castro, afirmou que das cinco rutas do viño de Galicia, en paralelo coas cinco Denominacións de Orixe galegas, a da Comarca do Condado é a menos desenvolvida. E apoiándose nun dato que deu o Delegado da Xunta de Galicia, Ignacio López Chaves, sobre o aumento dun 10% do turismo no sur da provincia de Pontevedra no último ano que acadou a cifra de 560.000 visitantes, animou a aproveitar a potencialidade desta comarca de interior para exhibir toda a riqueza, especialmente a etnográfica –“con máis de 2.000 anos traballando nestas tarefas”, dixo-, para atraer máis visitantes.

Para o alcalde de Salvaterra “cómpre volver ao río”,  “defendelo”, “apostar polo río” e “buscar o contacto con el”.

Grandal artellou o seu discurso arredor do aproveitamento da conca Miño-Sil. Para o alcalde de Salvaterra “cómpre volver ao río”,  “defendelo”, “apostar polo río” e “buscar o contacto con el”. No ‘panexírico’ que fixo recordou que os grandes viños cultívanse nos vales dos ríos. De feito, argumentou que na comarca están instaladas 7 adegas á beira do Miño. E asegurou que o paso dos lumes de Portugal a Galicia de outubro foi motivado por ter plantados eucaliptos e piñeiros próximos á beira do río Miño.

Arturo Grandal lembrou a petición a Turismo de Galicia para que subvencione nalgunha medida un barco turístico que pode chegar ata as Neves desde a Guarda aproveitando a navegabilidade do Miño.

O alcalde fixo un repaso das últimas actuacións vinculadas co río, como son levar augas termais ao parque da Canuda a máis de 40 graos para facer unhas termas; o pantalán ao pé da ponte internacional que une a Eurocidade Monção-Salvaterra  da que dixo que en paso de  turismos lixeiros é o primeiro en tráfico de todas as fronteiras co país veciño.Arturo Grandal lembrou a petición a Turismo de Galicia para que subvencione nalgunha medida un barco turístico que pode chegar ata as Neves desde a Guarda aproveitando a navegabilidade do Miño. Pola súa parte, Nava Castro recordou o financiamento do pantalán así como o investimento no novo Centro de Interpretación do Viño que se vai instalar en Salvaterra e no que entre tres consellerías investirán 300.000 euros.

A directora de Turismo insistiu en “aprender a valoralo noso” e fixo un repaso de accións desde a Xunta para conseguir isto, como é o programa ‘Paseando entre viñedos’ para que os turistas coñezan as 5 Denominacións de Orixe de Galicia. Nava considerou que, se as cousas se fan ben, os turistas virán ao Condado, visitarán as adegas e mercarán unha botella de viño e quedarán sorprendidos do municipio.

Durante os discursos todo foron eloxios para o alcalde Arturo Grandal. O presidente da DO Rías Baixas, Juan Gil de Araújo González de Careaga, exclamou: “Tenme asombrado cos seus proxectos”. Nava Castro confiou aos presentes que é un alcalde que está continuamente presentando proxectos para conseguir financiamento das institucións.  E Antonio Alén, Gran Mestre da Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos asegurou que “sen o apoio do Concello de Salvaterra a Confraría non existiría”.  Pola súa parte, Ignacio López Chaves dixo de Grandal que tería que felicitarlo pero ante tantos parabéns derivou a súa felicitación a Salvaterra que “cre, participa e converte un produto de traballo como é o viño nun elemento gastronómico, de cultura e turístico”.

Tamén o presidente da DO Rías Baixa gabou a elaboración dos espumosos nesta subzona da DO da que dixo que “cada vez teñen máis demanda”. Grandal volveu a insistir en que os espumosos non son un viño para o Nadal,  senón para comer con carnes ou pescados durante todo o ano. Neste mesmo sentido o técnico en enoloxía e viticultura, Luís Paadín, destacou o traballo feito nos últimos tres anos por parte das adegas para conseguir uns mellores viños espumosos. E non dubidou en prognosticar que dentro de cinco anos, aínda van ser mellores e polo tanto máis competitivos.

CONFRARÍA

Con anterioridade a Confraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos incorporou a catro novos confrades –José Dopazo Martínez, José Luís Míguez Taboada, Francisco Manuel Arenas Rincón e Liliana Claro González- que recibiron os atributos da Confraría (mandilón, cataviños e diploma acreditativo da incorporación) e prometeron defender os viños do Condado e os espumosos so pena de “ser condenados ao eido dos abstemios” se non o fan.

Na sesión houbo dous intres moi emotivos. Un cando se lle adicou un bride ao confrade Manolo ‘Rachapedras’ falecido no último ano. Outro cando un dos novos confrades, José Luís Míguez, dirixiuse aos outros confrades, autoridades e público asistente para agradecer especialmente á súa nai o apoio dende os últimos 25 anos e a coincidencia deste día co aniversario da nai, celebración á que non dería asistir se non fose porque ela o trasladou polo acto. Míguez entregou unhas flores no acto para nai. Alí díxose que foi a primeira vez que nun capítulo xeral da Confraría un confrade novo se dirixía a todos.

FEIRA EN LUGAR DE FESTA

Para as vindeiras edicións, tanto da Festa do Viño do Condado (último domingo de agosto) como esta mesma dos Viños Espumosos, o Concello de Salvaterra vai cambiar a denominación de Festa por Feira xa que, segundo Arturo Grandal, sen deixar de ser unha festa estes encontros ao ser Feira propician máis afondar na cultura do viño de distintas formas.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada
31