O catálogo de árbores senlleiras de Galicia incorpora seis novos exemplares e cinco novas formacións

Carballo de Bermés.  Quercus robur L., en  Bermés, Lalín

Carballo de Bermés.
Quercus robur L., en
Bermés, Lalín

Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución pola que se incorporan ao Catálogo de Árbores Senlleiras seis novos exemplares e cinco novas formacións. Cómpre recordar que o Catálogo de Árbores Senlleiras integra aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.

As novas árbores senlleiras son as seguintes:

Nome da árbore

Especie
Lugar
Concello
Castiñeiro de Soutogrande
Castanea sativa Mill.
Soutogrande
Vilariño de Conso
Piñeiro manso do Pazo do Cabido
Pinus pinea L.
Pazo do Cabido
Vilanova de Arousa

Carballo de Bermés

Quercus robur L.
Bermés
Lalín

Sequoia da Alameda do Campo da Estrela

Sequoia sempervirens L.

Alameda do Campo da Estrela

Santiago de Compostela

Cerquiño de Queguas

Quercus pyrenaica Willd

Cortes da Carballeira-Queguas

Entrimo

Castiñeiro do Oreal

Castanea sativa Mill.
Edroso
Viana do Bolo
As novas formacións senlleiras son as seguintes:

Nome da formación

Especie
Lugar
Concello

Sobreiras do Faro

Quercus suber L.
Viladesuso
Oia

Araucarias de Cambados

Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
Cambados
Cambados

Carballeira de Muimenta

Quercus robur L e Fraxinus excelsior L.

Muimenta
Cospeito

Piñeiros mansos do Rosal

Pinus pinea L.

Barrio Couselo

O Rosal
Souto da Rubial
Castanea sativa Mill.
Parada
Folgoso do Courel

A actualización do Catálogo tamén implicou a retirada da a Pacana de Illinois do Pazo de Mariñán (Carya illinoensis (Wangenh.) C. Koch.), en Bergondo, tras a súa morte biolóxica a consecuencia dunha infección fúnxica. A pesar da perda deste exemplar, os xardíns do Pazo de Mariñán contan con outros exemplares entre os que se atopan as árbores senlleiras: o érbedo, os eucaliptos, os mirtos e os plátanos de sombra.

Carballo de Bermés

No lugar de Bermés, no Concello de Lalín medra esta árbore de boas dimensións (18 metros de altura e máis de 4 metros de perímetro) e moi boa estrutura. O exemplar atópase a carón do muro da igrexa, e serve ademais como lugar de reunión veciñal.

 O Catálogo galego de árbores senlleiras ten unha moi boa representación de exemplares e formacións de dúas das especies de árbores caducifolias máis características en Galicia, os carballos e os castiñeiros. Tendo en conta os dous carballos, os dous castiñeiros, e a formación de cada unha destas especies que pasan a ter a consideración de árbores e formacións senlleiras, o Catálogo galego de árbores senlleiras inclúe na actualidade 34 árbores e formacións de carballos, e 22 árbores e formacións de castiñeiros.
Cerquiño de Queguas

Este cerquiño, ou rebolo, supera os 16 metros de altura, e o seu perímetro é de 4,75 metros. Localízase no lugar de Cortes de Carballeira, Concello de Entrimo, onde é un dos elementos principais do conxunto que forma cunha pequena capela e os restos de numerosas pallozas de pastores en pleno Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés.

 Ademais deste impresionante exemplar de cerquiño, outras dúas árbores desta especie xa estaban incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras: o Rebolo da Praza do Campo de Quindous (Lugo) e o Rebolo do Pazo da Pena, en Manzaneda (Ourense).
Carballeira de Muimenta

No campo da igrexa vella de Muimenta, en Cospeito, atópase un conxunto de catro carballos e un freixo de grandes dimensións que foron plantados na contorna deste edificio relixioso. Os exemplares teñen unha altura de 30 metros, e un perímetro máximo de 4,4 metros no caso dos carballos e 3,5 metros no caso do freixo. Se xa cada unha das árbores por separado presenta unhas características morfolóxicas moi notables, o feito de que estes cinco exemplares medren formando un conxunto é un motivo máis da súa singularidade en Galicia.

Castiñeiro de Soutogrande

Este castiñeiro ten unha altura de 13 metros e un espectacular perímetro na base de ata 12 metros, un dos maiores valores rexistrados en Galicia. Localízase á beira da estrada no acceso ao pobo de Soutogrande, Vilariño de Conso, no inicio da ruta europea da castaña. Esta ruta, que discorre entre as comarcas de Conso Frieiras e Monterrei, pretende dar a coñecer o sistema de aproveitamento da castaña nunha zona na que se produce máis do 30% da castaña recollida cada ano en Galicia.

Castiñeiro do Oreal

No lugar de Edroso, Concello de Viana do Bolo, localízase este castiñeiro cunha unha altura de 12,5 metros e tamén cun perímetro excepcional, que neste caso chegaría aos 14 metros. Do tronco totalmente oco deste exemplar, no que se observan grandes protuberancias e deformacións, medran tan só as catro grosas pólas que non foron cortadas, o que lle confire a estrutura característica dos castiñeiros sometidos a este sistema de aproveitamento.

Souto da Rubial

Este souto situado nas inmediacións da aldea de Parada, Concello de Folgoso de Courel inclúe 53 castiñeiros dunha antigüidade aproximada entre 300 e 400 anos. Estas árbores non teñen unhas dimensións excepcionais, porén o motivo da inclusión deste souto no Catálogo galego de árbores senlleiras foi o valor histórico e cultural do conxunto, pois está ligado á figura de autores como Carlos Oroza, María Mariño e, moi especialmente, Uxio Novoneyra.

 Esta formación arbórea atópase formando un conxunto etnográfico e natural coa Casa da Fonte, lugar onde naceu e viviu o Poeta Uxio Novoneyra, sendo a sede da fundación que leva o seu nome, e cruzado por unha das rutas principais de acceso á Devesa da Rogueira.
 
Piñeiro manso do Pazo do Cabido

A árbore, cunha altura de 26 metros e un impresionante perímetro 6 metros, ten unha ampla copa que magnifica a sensación de grandiosidade que transmite este exemplar situado nos xardíns do Pazo do Cabido, Vilanova de Arousa (Pontevedra), en pleno val do Salnés.

Piñeiros mansos do Rosal

Trátase de dúas árbores duns 250 anos de idade, con 28 metros de altura e 4,4 metros de perímetro, situadas nuns viñedos en Couselo, O Rosal (Pontevedra). A pesar de ter distinta conformación da copa, os dous exemplares únense nunha bela e harmoniosa silueta que identifica aos viñedos onde medran, mesmo os propietarios desta adega empregan esa silueta como sinal de identidade dos seus produtos.

Sequoia da Alameda do Campo da Estrela

Cunha altura de 35 metros e un perímetro de case 4 metros ao abranguer os dous troncos principais nos que se divide o exemplar, é unha árbore moi recoñecible situada nas inmediacións da Porta Faxeira do casco histórico de Santiago de Compostela.

 O magnífico exemplar de sequoia vermella únese deste xeito aos outros tres exemplares desta especie que xa estaban incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, as do Xardín Histórico de Padrón, a do Castelo de Soutomaior, e a do Pazo de Lourizán.
Sobreiras do Faro

A formación de sobreiras do Faro, en Oia (Pontevedra) inclúe unha masa practicamente pura de varias idades na que predominan os exemplares con máis de 70 anos, algunha de máis de 14 metros de altura e 2,5 de perímetro. Trátase dunha das escasas masas de sobreiras en rexións con clima oceánico que se coñecen en Galicia, o que lle confire unha notable singularidade bioxeográfica.

 Esta formación foi tamén declarada como Espazo Privado de Interese Natural (EPIN) en xaneiro do ano 2011, converténdose no primeiro EPIN declarado en Galicia.
Araucarias de Cambados

Estes dous exemplares de gran porte, con máis de 31 metros de altura e 2,5 de perímetro, destacan entre as vivendas do casco vello de Cambados (Pontevedra).

 Esta formación de araucarias acompaña no Catálogo galego de árbores senlleiras a outros dous exemplares da mesma especie e similares dimensións: a Araucaria Excelsa da Casa de Tenreiro en Pontedeume, e a Araucaria excelsa do Pazo de Rubiáns, en Vilanova de Arousa.
 
Catálogo galego de árbores senllleiras

O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.

Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
Desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007 foi obxecto de diversas revisións, e con estas novas modificacións publicadas hoxe no DOG, o Catálogo galego de árbores senlleiras pasa a incluír un total de 186 elementos, distribuídos por provincias do seguinte xeito:
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
42
13
55
Lugo
35
5
40
Ourense
22
7
29
Pontevedra
50
12
62
Total
149
37
186
Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada