A aprobación da reforma da Lei de saúde blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios

 

Vista exterior del hospital Álvaro Cunqueiro.

Vista exterior del hospital Álvaro Cunqueiro.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación da reforma da Lei de saúde que blinda a existencia dos hospitais comarcais coa creación de 14 distritos sanitarios, de tal xeito que “ningún goberno poderá diminuír ou eliminar un hospital comarcal en Galicia se non é por lei e por autorización parlamentaria”.

Nun primeiro termo, Feijóo aseverou que esta é a primeira vez que unha lei blinda servizos relevantes para os cidadáns como son os hospitais comarcais, que teñen un papel primordial para garantir a proximidade da atención especializada, establecendo de xeito específico 14 distritos sanitarios: Barbanza, A Coruña, A Mariña, Cee, Ferrol, Lugo, Monforte, O Barco de Valdeorras, Ourense, O Salnés, Pontevedra, Santiago de Compostela, Verín e Vigo.

Así mesmo, e co obxectivo de avanzar notablemente no eido da participación, Feijóo precisou que o texto mantén a existencia dun órgano autonómico de participación: o Consello Galego de Saúde; así como outros órganos de participación en cada distrito hospitalario, nos que estarán integrados os distintos concellos, organizacións empresariais e asociacións de pacientes de cada zona.

En relación ás melloras para os profesionais, o presidente do Goberno galego avanzou que, por primeira vez, se autorizan concursos de traslados abertos e permanentes, de forma que cada vez que haxa unha vacante se poderá solicitar acceder a ela de xeito inmediato. E, tamén se facilita unha maior mobilidade dos profesionais dentro das áreas, sempre que queiran voluntariamente.

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, sinalou que “o paciente é o gran beneficiado desta reforma de lei”, xa que haberá máis e mellores servizos nos hospitais comarcais e servizos que serán cada vez máis próximos á poboación.

Así mesmo, subliñou que as áreas sanitarias desenvolverán a función que facían as estruturas de xestión integrada (EOXI) e os distritos porán en valor os hospitais comarcais. Nesta liña, precisou que “o desenvolvemento das EOXI permitiu que se investiran nestes anos 20 millóns de euros nos hospitais comarcais, evitándose arredor de 260.000 desprazamentos dende as zonas comarcais cara á área principal”.

Almuíña tamén sinalou as melloras realizadas na participación cidadá coa creación do Consello Asesor do Paciente, e a creación de consellos de saúde de área e consellos de saúde de distrito, ademais do Consello Galego de Saúde. “Referéndase, amplíase e faise máis fácil a participación cidadá a través de colectivos e asociacións de pacientes pero, tamén, a representación de colexios profesionais e asociacións científicas que poidan axudar na toma de decisións”.

Por último, destacou que “os outros grandes beneficiados” son os traballadores do ámbito sanitario, coa creación por lei dun concurso aberto e permanente e cos itinerarios profesionais. “Queremos que o clima laboral de todos os traballadores sexa o máis cómodo posible, evitar desprazamentos innecesarios e facilitar a conciliación laboral e profesional a todos eles”, concluíu.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada