A Xunta organiza mañá unha xornada informativa sobre as novas obrigas xurídicas dirixidas ás empresas de economía social

Mupega

A xornada informativa celébrase no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) de Santiago.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria organiza este martes no Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) de Santiago unha xornada informativa enfocada a explicarlles ás cooperativas e resto de empresas da economía social as responsabilidades xurídicas ás que se enfrontan polos delitos cometidos no seu nome.

A sesión, que se desenvolverá ao longo de toda a mañá, ten como obxectivo dar a coñecer o marco legal, tomar conciencia dos riscos e difundir as solucións e procedementos existentes ao alcance das cooperativas para a súa propia autoprotección.

A reforma do Código Penal en 2015 puxo sobre a mesa a responsabilidade das empresas nos delitos penais cometidos no seu beneficio polas persoas que traballan nelas, establecendo a propia norma os procedementos a seguir e os modelos a desenvolver para quedar exoneradas de calquera responsabilidade penal polos delitos cometidos no seu nome.

A xornada, que será inaugurada pola secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, abrirase cunha sesión na que a avogada da cooperativa Artigo 14, Eva Rosende, fará unha Introdución á Reforma do Código Penal: a responsabilidade penal das persoas xurídicas. A continuación, a directora de Smc Compliance e presidenta do Comité Académico da World Compliance Association, Alba Lema, exporá Os modelos de organización e xestión como eximente da responsabilidade penal.

O terceiro dos relatorios correrá a cargo do profesor de Dereito Mercantil da USC, José Antonio Monero Vilar, que presentará o estudo Código Ético: do provedor ao cliente, realizado no Centro de Estudos Cooperativos Cecoop, onde traballa como investigador.

O fiscal provincial do Grupo de Delitos Económicos da Coruña e editor do blog En ocasiones veo reos, Juan Antonio Frago Armada, explicará cales son Os requisitos para condenar ás persoas xurídicas en España. A visión da Fiscalía. Por último, como peche da xornada, a compliance officer, María José Picallo, presentará o plan de Compliance que se está implantando nas Cooperativas Lácteas Unidas (Clun).

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada