Amigos da Ópera de Santiago estreará o sábado, no Teatro Principal

‘Il segreto di Susanna’, ópera cómica nun acto musicado por Ermanno Wolf-Ferrari, cun libreto de Enrico Golisciani, reúne a 10 artistas

Coa dirección artística de Cándido Pazó e a interpretación musical do TAC

‘Il segreto di Susanna’A Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela (ADOC) estreará este sábado 16 de decembro no Teatro Principal ás 20.00 horas a súa segunda produción operística, Il segreto di Susanna (O Segredo de Susana). Esta ópera escenificada reunirá sobre as táboas a un total de dez artistas, incluíndo a Cándido Pazó, a soprano moldava Clara Jelihovschi Panas, ao barítono Javier Franco e os músicos do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC). Así o adiantaron hoxe en rolda de prensa Jesús Couceiro, presidente de ADOC; José María Miranda, secretario de ADOC, Luis Soto, membro do TAC, e a concelleira de Acción Cultural de Santiago, Branca Novoneyra.

Couceiro iniciou a súa intervención agradecendo ao Concello de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola súa colaboración e patrocinio neste proxecto. Pola súa banda, José María Miranda manifestou que tanto nesta segunda produción, Il segreto di Susanna, coma na presentada en 2016, Brundibar, recóllese a vontade de Amigos da Ópera de Santiago de darlle resposta á necesidade de desenvolver a escenificación do xénero operístico feito dende Galicia, con profesionais galegos e cunha perspectiva propia. Con ese obxectivo, Amigos da Ópera conta coa colaboración de Cándido Pazó, co Taller Atlántico Contemporáneo, co barítono Javier Franco, coa soprano Clara Jelihovschi Panas, residente na Coruña, ou a ilustradora Maru Astray.

Pola súa banda, Novoneyra felicitou a Amigos da Ópera polo traballo feito e amosou o interese do Concello por seguir colaborando de forma conxunta en futuros proxectos, tanto na organización do Ciclo de Lied coma en iniciativas como Il segreto di Susanna. Desta ópera, a concelleira sinalou que o equipo que está detrás amosa “a boísima saúde” da que goza a ópera en Galicia e a “calidade artística” dos profesionais do sector. Finalmente, Luís Soto en representación do Taller Atlántico Contemporáneo rematou a presentación sinalando que a súa formación, dende o seu nacemento en 2011, sempre quixo “traballar coa xente do país e coa mellor xente do país”, vontade que mantiveron sempre, incluído nesta ópera que se estreará o vindeiro sábado no Teatro Principal de Santiago.

Deste xeito, Amigos da Ópera volve confiarlle a dirección artística a Cándido Pazó, quen -ademais de interpretar un dos papeis da obra- traballará co escenógrafo Carlos Alonso e iluminador Héctor Pazos. O apartado musical correrá a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo (TAC) que, baixo a dirección musical de Diego García Rodríguez, encargarase da música que acompañará as voces dos xas citados Javier Franco e Clara Jelilohvschi Panas. Os intérpretes que conforman o TAC para esta produción son: James Dahlgren (violín), Nazaret Canosa (violín), Ioana Ciobotaru (viola), Millán Abeledo (violoncello), Alfonso Morán (contrabaixo) e Nicasio Gradaílle (piano).

Il segreto di Susanna é unha ópera cómica nun acto musicado por Ermanno Wolf-Ferrari,  cun libreto de Enrico Golisciani e estreada en 1909. Un tour de force dun pequeno segredo que vai medrando á par que a inseguridade e a desconfianza de Gil, o marido de Susana; un matrimonio novo que reside no noroeste italiano de Piamonte. A moza omitiu comentarlle ao seu recente esposo que tiña o hábito de fumar ás agochadas. Gil, pola súa parte, decátase do cheiro e pensa que a súa esposa é infiel. Preocupado, trata de pescala in fraganti desenvolvendo case unha escena de vodevil na que o seu mordomo, Sante, cómplice de Susana, xogará un papel fundamental. A peza, polo tanto, xira ao redor da intimidade, os segredos, o vicio e os celos, aínda que abordados de xeito inxenuo e sinxelo.

 

As entradas xa están á venda e pódense adquirir a 10 euros a través da billeteira do propio Teatro ou mediante o web de entradas de Abanca.

Print Friendly, PDF & Email
Me gusta
Me gusta Me encanta Me divierte Me asombra Me entristece Me enfada